The Rapants: "É complicado traballar con nós porque somos bastante cabezudos"
A banda muradá presentará o seu novo disco este 28 de marzo en Sar, nun concerto para o que xa se venderon miles de entradas e que marcará un dos fitos máis importantes da súa traxectoria

The Rapants afrontan un dos momentos máis decisivos da súa carreira. A banda de Muros acaba de lanzar Rapants Club, o seu cuarto álbum de estudo, un traballo no que afondan nun son máis ambicioso e aberto a novas influencias, sen renunciar á enerxía directa que os converteu nun dos nomes máis recoñecibles da escena musical galega dos últimos anos.
O novo disco chega acompañado dun reto de gran dimensión: a súa presentación oficial terá lugar este 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, nun concerto para o que xa se venderon miles de entradas e que se perfila como unha auténtica festa arredor da música galega. A un día desta cita, os integrantes do grupo falan sobre o momento que atravesa a banda, o proceso creativo detrás de Rapants Club e as expectativas ante un directo que pode marcar un antes e un despois na súa traxectoria.
Ao longo destes anos convertéstesvos nun dos nomes máis recoñecibles da música galega actual. Sentides que estades nun momento de consolidación ou aínda vos vedes como unha banda en crecemento?
A nivel interno, estamos en continuo crecemento sempre, porque os catro somos moi esixentes cos nós mesmos, sobre todo, e sempre buscamos mellorar. Illámonos bastante da repercusión que teñamos de portas para fora, aínda que sen deixar de agradecer todo o cariño que nos dá a xente. Sempre estamos rallados por intentar facer música á altura das expectativas e ao nivel dos artistas que idolatramos. Sempre imos para arriba.
Ese crecemento en que cambios musicais se traduciu?
Pois sobre todo intentamos sempre acompañarnos de profesionais dos que aprender e creo que iso se nota, sobre todo, en que intentamos ensinarlles as nosas inseguridades, os nosos defectos, para melloralos. Non intentamos pasar por riba deles nin ocultalos, senón sinalalos para poder traballalos.

Nos últimos anos a música en galego está vivindo unha etapa especialmente fértil. Como percibides vós este momento da escena?
Nós só o podemos falar polo que vivimos e, a verdade, os nosos inicios foron bastante duros, porque cando arrancamos estabamos na pandemia. Entón, á hora de pechar concertos era moi complicado. Non sabemos moi ben como foron anos anteriores para outras bandas, pero si que xusto despois da pandemia vivimos que, pouco a pouco, nos foron chamando para festivais e estivemos en moitos sitios. Eu penso que houbo aí un punto de inflexión, como que se empezou a mirar cara ás bandas galegas e a programar máis cousas nos festivais. Iso fixo tamén que outros rapaces e rapazas que daquela época asistían aos concertos ou aos festivais se decatasen de que eles tamén podían facer música. E iso creo que retroalimenta: é imposible que suceda se non se apoia desde a industria ou desde os propios creadores galegos.
Hai algunha banda ou artista emerxente da escena galega que vos gustaría recomendar?
A ver, temos que recomendar a 9Louro porque é da familia (risas), pero hai moitos artistas urbanos como Xián Pais e, no que vén sendo o guitarreo puro, destacariamos aos Bullets.

Definides este cuarto LP como o máis fiel ao carácter da banda. En que sentido sentides que Rapants Club representa mellor ca nunca quen sodes musicalmente?
Para nós si. Como che dicía, nós sempre intentamos mellorar. O que buscamos é conseguir unha música que transmita enerxía ao máximo posible e que se achegue ao que realmente nos gusta. Temos as nosas limitacións, somos conscientes de que nunca conseguimos ao 100% o que queremos plasmar nun disco, pero con cada traballo achegámonos un pouco máis a esa idea que temos na cabeza.
Neste caso, sen dúbida, cremos que demos un paso moi grande da man de Anxo Ferreiro, produtor que nos ensinou un montón e que nos axudou a deixar atrás certas costumes que tiñamos moi automatizadas e que realmente nos afastaban un pouco do que estabamos buscando.
Moitas das cancións teñen retrousos moi pegadizos e unha vocación claramente colectiva. Pensades as cancións tamén imaxinando como van funcionar nos concertos?
O pai de Samuel sempre nos di: "o día que deixedes de facer que a xente baile, ese día acabou The Rapants". Eu creo que temos moi interiorizadas esas ganas de divertirnos, porque realmente vivimos a música e a vida así. Somos catro amigos que o que queremos é pasalo ben no escenario e divertímonos moito.
Entón buscamos facer música que tamén sexa divertida de tocar. Agora, se temos que tocar unha canción corenta veces ao longo dun ano, o que queremos é que esas corenta veces se sintan como a primeira. Iso é un pouco o que buscamos.
Neste traballo colaboran artistas como Antía Ameixeiras, Joe Crepúsculo ou Sara Faro. Que achegaron estas voces ao universo dos Rapants?
Pois sobre todo nós buscamos sumar participantes e colaboracións coas que haxa unha relación persoal previa e tamén moito respecto. Con Antía e con Sara xa coincidiramos bastantes veces. Somos admiradores do seu traballo e parecéronnos unhas artistas espectaculares; de feito, gravar con elas é facilísimo porque son dúas músicas incribles.

No caso de Joe Crepúsculo sucede algo parecido, porque para nós é un referente por esa mestura que ten de electrónica, música disco e ás veces tamén un toque máis rock. Coincidimos con el nalgúns concertos e tamén lle propuxemos se quería sumarse. Díxonos que si, pero que só se era en galego, e nós dixémoslle que por suposto.
Tamén é verdade que ás veces pode ser complicado traballar con nós, porque somos bastante cabezudos e temos moi claro cara onde queremos levar as cancións. Tiramos moito cara á nosa idea do tema, sobre todo porque as colaboracións que facemos —como xa pasou anteriormente con Grande Amore e outros artistas— adoitan ser para discos nosos.
Entón esas persoas chegan a un proceso que xa está bastante avanzado. Pero, aínda así, estamos sempre abertos a colaborar con outra xente, a probar outros estilos e tamén a aprender doutras persoas.
O disco inclúe doce temas que buscades que se convertan en novos himnos para o público. Hai algunha canción á que lle teñades un cariño especial ou que sentides que resume mellor o espírito do álbum?
Píllasnos! Cada canción ten unha historia e unha relación moi longa con nós. Por exemplo, en concreto Todo era veneno foi unha canción que nos custou moitísimo sacala adiante, tamén porque ao principio non nos gustaba e ao final conseguimos levala cara a un estilo totalmente distinto ao que tiña de inicio, e acabou encantándonos a todos.
E tanto esa como outras moitas pasaron por un proceso moi longo de traballo: de conversar, de sentarnos coa libreta no sofá a escribir letras, a borrar, a refacer… Eu creo que por iso todas teñen moitísimo cariño neste disco, porque a verdade é que lle dedicamos moito tempo.
O 28 de marzo presentaredes Rapants Club no Multiusos Fontes do Sar, cun concerto para o que xa se venderon máis de 5.200 entradas. Como estades vivindo este momento previo a un directo tan importante?
Pois con moitísima ilusión, pero tamén un pouco asustados. De feito estamos traballando como nunca. Agora mesmo estou aquí na sala de ensaio con Matías e Samuel, traballando en sons de sintetizadores, mentres Xaquín está na casa preparando secuencias e, nos ratos libres para desconectar da música, poñémonos a mirar un pouco de escenografía de escenario.
Estamos un pouco tolos estes días porque, claro, coa saída do disco e sobre todo co concerto de Sar hai moitas expectativas. Nós mesmos puxémonos o listón moi alto e queremos estar á altura.
Entón imos traballar todo o que poidamos. Logo, cando chegue o concerto, pode pasar calquera cousa: pode romper unha corda ou fallar algunha cousa técnica, pero o que queremos é que non sexa porque non fixemos o traballo previo.
Por útlimo, nunha palabra, que é The Rapants?
Unha familia.









