O IES Rosalía de Castro acolle un debate sobre liderado feminino polo 8M
A mesa redonda ‘Mulleres rompendo o teito de cristal’ reúne en Santiago a Goretti Sanmartín, Rosa Crujeiras e Gemma Paredes

A mesa redonda ‘Mulleres rompendo o teito de cristal’, organizada con motivo do 8M no IES Rosalía de Castro, reuniu este mércores a representantes institucionais e académicas para reflexionar sobre o papel das mulleres nos espazos de decisión. No encontro participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; a reitora electa da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e a directora do centro, Gemma Paredes Suárez.
Durante o coloquio, Sanmartín puxo o foco na presenza das mulleres en cargos de responsabilidade e no espazo público, sinalando as cargas familiares como un dos factores que continúan limitando o seu acceso a estes ámbitos. Tamén destacou os avances lexislativos que contribuíron a mellorar as condicións para o desenvolvemento da carreira investigadora e reivindicou o papel da universidade como “escola de feminismo” na súa propia traxectoria.
A alcaldesa compartiu coa comunidade educativa a súa experiencia institucional e advertiu da persistencia dunha baixa representación feminina en postos de responsabilidade. Aínda que recoñeceu os progresos acadados en materia de dereitos, alertou de que o machismo segue a adoptar novas formas de control, polo que subliñou o papel clave da educación para avanzar cara a unha maior igualdade.
Neste sentido, incidiu na necesidade de que as novas xeracións conten con referentes femininos en ámbitos de decisión e xestión, exemplificando esta realidade co propio panel da mesa redonda, no que participaron tres mulleres en postos de responsabilidade.









