Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Santiago impulsa ‘Primavera EcoBosque’ con actividades ambientais no Banquete de Conxo e o río Sar

O programa desenvolverase do 25 ao 29 de marzo con rutas guiadas, observación de aves, divulgación científica e xornadas de voluntariado ambiental

A iniciativa inclúe accións de educación ambiental e participación cidadá, con actividades como un BioBlitz, a Noite de Morcegos ou a retirada de especies invasoras
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

O Concello de Santiago, a través do departamento de Emprego, pon en marcha a “Primavera EcoBosque”, un programa de actividades ambientais, educativas e participativas que se desenvolverá entre os días 25 e 29 de marzo de 2026 no ámbito do Banquete de Conxo e o río Sar. A iniciativa inclúe rutas guiadas, actividades de ciencia cidadá, observación de aves, propostas divulgativas sobre morcegos e varias xornadas de voluntariado ambiental para a retirada de especies invasoras.

A programación busca aproveitar o inicio da primavera como un momento especialmente propicio para reforzar o vínculo da cidadanía co territorio e para achegar o coñecemento e o coidado da natureza a públicos diversos, combinando divulgación, participación activa e experiencias directas no medio natural. Nesta edición, o programa conta coa colaboración de entidades e profesionais como SEO BirdLife, Asociación Morcegos de Galicia, MarMar Outdoor, Sistemas Medioambientales, SL, Adega e Enrique Alvarellos, que contribúen ao desenvolvemento das distintas actividades previstas.

A semana arrancará o mércores 25 de marzo cunha ruta guiada polo Banquete de Conxo en horario de mañá e cunha xornada de voluntariado ambiental para a retirada de especies invasoras, concretamente Tradescantia, tamén pola mañá. O xoves 26 celebrarase a actividade Falando de Morcegos, en horario de mañá, que poderá desenvolverse no propio centro educativo ou no CERSIA, así como un BioBlitz no Banquete de Conxo tamén pola mañá. Esa mesma xornada terá lugar a Noite de Morcegos, unha ruta interpretativa en horario nocturno, entre as 19.00 e as 22.00 horas, con punto de encontro no Mosaico do Banquete de Conxo.

O venres 27 de marzo repetirase a combinación de ruta guiada polo Banquete de Conxo e voluntariado ambiental en horario de mañá. O sábado 28 haberá unha nova xornada de voluntariado para a retirada de invasoras pola mañá e, xa pola tarde-noite, celebrarase a Hora do Planeta ás 20.30 horas. Finalmente, o domingo 29 de marzo, o programa pecharase cunha actividade de observación de aves ás 10.00 horas na zona do Banquete de Conxo, da man de SEO BirdLife.

Primavera EcoBosque ten tamén unha dimensión educativa destacada. De feito, o Concello xa remitiu esta mañá información sobre a programación aos centros de educación primaria e secundaria da cidade, co obxectivo de facilitar a participación do alumnado nalgunhas das propostas previstas, especialmente nas actividades de mañá vinculadas á educación ambiental, á biodiversidade e ao coñecemento do territorio.

As persoas interesadas en participar ou solicitar máis información poden dirixirse ao correo bosque@santiagodecompostela.gal, que figura tamén nos materiais informativos da campaña. No caso da Noite de Morcegos, o cartel da actividade lembra ademais a conveniencia de asistir con roupa e calzado cómodo e levar lanterna, se se dispón dela.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620