Lucía Solla Sobral volve a Compostela coa súa novela 'Comerás flores'
A autora estará este xoves na libraría Couceiro para falar deste fenómeno literario que explora o dó, a identidade e as relacións afectivas

A libraría Couceiro acollerá este xoves 26, ás 19.00 horas, a presentación de 'Comerás flores', a novela debut e fenómeno literario de Lucía Solla Sobral, nun encontro no que a autora estará acompañada por César Lorenzo Gil.
A obra sitúa no centro a historia de Marina, unha moza recentemente graduada que, meses despois da morte do seu pai, coñece a Jaime, un home vinte anos maior ca ela. A súa irrupción supón un cambio radical na vida da protagonista, que pasa dunha rutina compartida coa súa mellor amiga e marcada pola vida social a instalarse nunha contorna máis acomodada e sofisticada. Atraída polo novo estilo de vida e polo encanto de Jaime, Marina vaise afastando progresivamente do que definía a súa identidade.
Con esta historia, 'Comerás flores' constrúe un relato sobre o proceso de maduración, o dó e as relacións afectivas, afondando nas dinámicas de poder e nos espellismos que poden xurdir en vínculos desiguais. A novela aborda tamén o papel da amizade como espazo de refuxio, cunha prosa que combina rexistros líricos e momentos de maior intensidade emocional.









