O PSdeG levará ao Parlamento a situación da senda do Banquete de Conxo
Aitor Bouza acusa á Xunta de ignorar informes técnicos e as demandas veciñais nun proxecto que cualifica de “pouco rigoroso”

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, anunciou que o Partido Socialista levará ao Parlamento de Galicia a situación da senda do Banquete de Conxo e amosou o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza.
Bouza denunciou que a Xunta de Galicia está a actuar “facendo caso omiso áveciñanza de Conxo” e tamén “ignorando os informes de organismos como ICOMOS”, que advirten do alto valor ambiental e patrimonial da zona.
Neste sentido, criticou que o Goberno galego “venda como novo un proxecto que non o é”, xa que “non hai un novo trazado, senón unha eliminación interesada dunha parte para intentar salvar as críticas”, o que ao seu xuízo supón unha forma de actuar “pouco rigorosa e claramente orientada a xustificar decisións xa tomadas”.
O deputado socialista advertiu de que, en lugar de reformular o proxecto, a Xunta de Rueda optou por “seguir adiante sen atender ás alegacións nin aos informes técnicos”, o que evidencia unha actuación “irresponsable e pouco transparente”.
Ademais, puxo o foco no procedemento seguido e sinalou que “se chegou a cesar a unha persoa que emitira un informe desfavorable”, o que considera unha mostra de que “se buscan informes favorables en lugar de respectar os criterios técnicos”.
Bouza lembrou que o ámbito do Banquete de Conxo “é unha zona de alto valor ambiental e patrimonial” que debe ser entendida “como un conxunto” e non pode fragmentarse, tal e como recollen os informes especializados.
Neste contexto, anunciou que o PSdeG preguntará tamén pola ausencia de avaliación por parte de Augas de Galicia, xa que considera “especialmente grave” que non exista un informe sobre “o impacto no río Sar”, unha cuestión que cualificou de “fundamental”.
Sentenza de Miramontes e actuación da Xunta
Bouza advertiu de que o acontecido coa recente sentenza sobre Miramontes “non é un caso illado”, senón que confirma unha forma de actuar da Xunta en materia ambiental. O deputado sinalou que esta resolución xudicial volve poñer de manifesto “a actuación neglixente da Xunta de Galicia” e criticou que “non pode ser que teña que ser unha sentenza xudicial a que poña en evidencia o mal funcionamento da Xunta”.
Neste sentido, alertou de que este tipo de situacións evidencian que “o medioambiente queda sistematicamente en segundo plano” nas decisións do Goberno galego. Por iso, avanzou que o PSdeG esixirá responsabilidades políticas e reclamará un cambio de rumbo, para garantir o respecto á normativa, aos informes técnicos e á protección do patrimonio natural.








