A votación electrónica na USC aforra 5,6 toneladas de CO2 e 25.000 euros nos últimos comicios
O sistema virtual triplica a participación do estudantado e reduce incidencias fronte ao modelo tradicional en papel

A comunidade universitaria da USC exerceu o seu dereito ao voto de forma electrónica nos comicios que se desenvolveron os pasados 12 de febreiro (primeira volta) e 11 de marzo (segunda volta). Unha vez finalizados os procesos de votación, estímase que este mecanismo electoral deixou unha importante pegada en termos de sustentabilidade. Así, calcúlase que a votación virtual permitiu aforrar 5,6 toneladas métricas de dióxido de carbono (CO2) en emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro A cifra correspóndese co que emite un coche ao percorrer uns 51.000 quilómetros.
Ademais, en termos económicos, o aforro entre a realización da votación electrónica e a votación en urna, considerando os costes fixos e operativos para cadansúa tipoloxía, estimase nuns 25.000 euros. Para facer o cálculo económico da votación en urna fíxose unha proxección dos costes da última elección en papel, facendo a correspondente actualización de prezos. Asemade, cómpre recordar que o números de mesas situábase nas 180.
Dende a USC, salientan que “a repercusión social foi clara e contundente”. O nivel de participación “acadou valores notables, sendo no caso do estudantado case tres veces superior aos datos obtidos para o sistema da urna en papel”. Outro dos aspectos destacables foi a facilidade da votación —dende calquera dispositivo electrónico en apenas nuns minutos— e factibilidade —calquera lugar no que existise cobertura—.
De feito, durante a xornada electoral tívose que informar que a hora de votación era a referente á zona horaria GMT (Greenwich Mean Time, o estándar de tempo base -UTC+0 usado para fixar a hora mundial dende o observatorio de Londres sen axustes estacionais), pois diversos membros da comunidade universitaria estaban a votar dende enclaves xeográficos continentais diferentes. A isto teríaselle que sumar a repercusión mediática obtida cos avances de participación por sector e circunscrición recollida por moitos medios de comunicación ao longo da xornada electoral. Asemade, o número de incidencias foi un 70% inferior ao das votacións clásicas.










