A Real Filharmonía de Galicia propón un 'Retrato da natureza' con música barroca e inspiración paisaxística
Amandine Beyer dirixe un programa con obras de Rameau, Leclair, Muffat e Knecht que explora a relación entre son e natureza nos séculos XVII e XVIII

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o día 19 un novo programa baixo o título “Retrato da natureza”, dirixido pola violinista e directora Amandine Beyer. A proposta convida ao público a unha viaxe musical polos séculos XVII e XVIII a través de obras de Jean-Philippe Rameau, Jean-Marie Leclair, Georg Muffat e Justin Heinrich Knecht, nun percorrido que establece un diálogo directo entre música e natureza.
O programa ábrese coa 'Suite da ópera Naïs' de Rameau, composta en 1749 para celebrar a Paz de Aquisgrán. Figura fundamental do Barroco francés, o compositor consolidouse en París tras o éxito do seu 'Traité de l’harmonie' e o apoio do rei Luís XV. A continuación, escoitarase o 'Concerto para violín en la menor núm. 5', op. 7 de Leclair, considerado o fundador da escola francesa de violín, quen combina nesta obra a elegancia gala coa influencia italiana.
Completa a primeira parte o 'Concerto grosso núm. 12 en Sol maior “Propitia Sydera”' de Georg Muffat, un exemplo da síntese estilística europea do Barroco. A segunda parte estará dedicada á 'Sinfonía Pastoral en Sol maior “O retrato musical da natureza”' de Justin Heinrich Knecht, unha obra programática que anticipa a estética da 'Sinfonía Pastoral' de Beethoven e que describe, con grande detalle, escenas naturais como o canto dos paxaros, a chegada da tormenta ou o himno final de agradecemento.
Como antesala ao concerto en Santiago, o público poderá gozar dun preconcerto na Sala Mozart ás 19.30 horas, protagonizado polo alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Baixo a dirección da propia Amandine Beyer e coa participación do bailarín e musicólogo Oliver Foures, interpretaranse obras de Rameau, Vivaldi, Heinichen, Pisendel e Albinoni.
“Retrato da natureza” preséntase así como unha proposta singular e pouco habitual nas salas de concerto, que permite descubrir obras infrecuentes e explorar a relación entre música e paisaxe sonora a través dunha mirada histórica e evocadora.








