A artesanía de Gerardo Lago atopa casa en AMIPA cunha mostra permanente das súas creacións
A asociación instala na reitoral de Sorribas unha mostra coas pezas que o artesán cedeu tras toda unha vida traballando a madeira

A asociación AMIPA inaugurou na súa sede da reitoral de San Tomé de Sorribas, no municipio de Rois, unha exposición permanente de artesanía tradicional en homenaxe a Gerardo Lago Piñeiro, carpinteiro de 93 anos que decidiu ceder á entidade boa parte das pezas elaboradas por el ao longo dos anos.
A mostra reúne recreacións de elementos tradicionais do rural galego feitas en madeira, entre elas un carro de vacas, un arado, unha grade ou unha sella, ademais doutras pezas como un hórreo, un pote ou un canizo. Todas elas poden verse expostas no salón principal da asociación.
Durante a inauguración, o artesán estivo acompañado polas persoas usuarias e polo equipo da entidade. Lago Piñeiro destacou a relación que mantén con AMIPA, onde pasa parte do seu tempo. “Síntome como un membro máis da familia AMIPA. Véñenme buscar e paso moitos días aquí con eles”, explicou.
Nado en 1932 na parroquia de Sorribas e residente actualmente en Leroño, no mesmo concello de Rois, traballou durante décadas como carpinteiro. Tras a súa xubilación comezou a elaborar pequenas pezas de artesanía en madeira inspiradas nas ferramentas e elementos do rural tradicional.
A directora de AMIPA, Begoña Suárez, destacou durante o acto o valor do traballo do artesán como memoria viva da cultura popular, así como a súa capacidade para transmitir ás persoas usuarias da asociación o valor do traballo manual e do mundo rural.
O propio Lago Piñeiro expresou o seu desexo de que todas as persoas que visiten a entidade poidan coñecer a exposición, que reúne algunhas das súas pezas favoritas, como a sella, o arado ou o carro de vacas.









