‘Son Salvaxe’ chega ao Auditorio de Galicia da man da Real Filharmonía e La Maquiné
O espectáculo musical e teatral ofrecerá catro funcións didácticas para centros educativos e un pase familiar aberto ao público este sábado

A Real Filharmonía de Galicia levará esta semana ao Auditorio de Galicia o espectáculo 'Son Salvaxe', unha proposta musical e teatral creada pola compañía La Maquiné que combina música en directo e artes escénicas e que está pensada especialmente para o público máis novo.
A programación inclúe catro funcións didácticas dirixidas a centros educativos, que terán lugar o venres 13 ás 10.00 e ás 12.00 horas, dentro da programación escolar que a RFG e Compostela Cultura ofrecen a colexios e institutos de Santiago e doutros puntos de Galicia.
Ademais, o sábado 14 ás 18.00 horas celebrarase un pase aberto ao público familiar. As entradas para esta función poden adquirirse na web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes habituais ao prezo de 3 euros.
A montaxe está creada pola compañía La Maquiné, que ao longo da súa traxectoria produciu máis dunha decena de espectáculos e recibiu numerosos recoñecementos, entre eles dous Premios Max e catro Premios Lorca. As súas propostas caracterízanse por un marcado compoñente visual e musical e por empregar linguaxes escénicas como o teatro físico, as máscaras ou os monicreques.
Sobre o escenario, os actores Joaquín Casanova e Ángela Cáceres, baixo a dirección musical de José López-Montes, interpretarán a historia de Mona, unha nena criada na selva por un gorila chamado Koko. A chegada dos humanos destrúe o seu fogar: Mona é levada á civilización mentres Koko queda encerrado nun zoolóxico. Co paso do tempo, a protagonista decidirá emprender unha viaxe para rescatalo.









