O CGAC organiza obradoiros familiares inspirados na arte e memoria de Palestina
Maiores e pequenos descubrirán procesos creativos e experimentarán con materiais e mapas a partir da obra de artistas como Dima Srouji

O Centro Galego de Arte Contemporánea trae unha nova edición de obradoiros para familias nos que maiores e pequenos poden mergullarse nas múltiples posibilidades da arte contemporánea, experimentar e descubrir os procesos creativos dun xeito lúdico e libre, a partir do traballo de diversos artistas de zonas xeográficas nas que moitas veces non se pon o foco.
Nesta ocasión o territorio escollido foi Palestina, un territorio cun futuro incerto ao que as persoas asistentes poderán achegarse a través das obras de diferentes creadoras e creadores.
Os obradoiros comezaron no mes de xaneiro, cunha primeira sesión adicada a Samia Halaby, unha das primeiras artistas palestinas en investigar as posibilidades da pintura abstracta. Nesta ocasión, o sábado 7 de marzo, achéganse a Dima Srouji: arquitecta e artista que investiga a memoria das cidades a través dos seus obxectos e restos arqueolóxicos.
Examina edificios, mapas e características do territorio para protexelos do esquecemento ou denunciar inxustizas. Partindo desta inspiración, dende o CGAC combinarán distintos materiais para crear os seus propios tesouros, construirán recipientes onde gardalos como reliquias e idearán espazos para protexelos.
Ademais, explorarán as posibilidades dos mapas para transformalos en paisaxes lúdicas, sairán a descubrir as historias que se agochan nas rúas e elaborarán amuletos con esencias, flores, sementes ou follas, convertendo a memoria familiar e elementos naturais en creacións simbólicas.









