A VIII Gala do Deporte de Santiago premiará a referentes composteláns o 24 de marzo
O Auditorio de Galicia acollerá a entrega dos VIII Premios Santiago Deporte, que recoñecerán a deportistas, entidades e iniciativas destacadas da tempada 2024/25 e do ano 2025

Os VIII Premios Santiago Deporte terán a súa gala o martes 24 de marzo. Na cerimonia, que comezará ás 20.00 horas, entregaranse os galardóns das 12 categorías desta edición cos que se busca recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2024/25 ou no ano 2025 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este xoves en rolda de prensa a VIII Gala do Deporte, acompañada por Manuel García Reigosa, membro do xurado. A cerimonia, que terá lugar no Auditorio de Galicia e será retransmitida por streaming.
Pilar Lueiro salientou que se trata de recoñecer as persoas deportistas que despuntaron polos seus logros, éxitos e triunfos deportivos e por outros méritos valorados polo xurado. Todas elas cumpren co requisito de teren nacido en Santiago, estaren empadroadas nos últimos tres anos ou ben pertenceren a unha entidade deportiva compostelá durante ese mesmo tempo.
Galardoados
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, deu a coñecer a relación de persoas e entidades premiadas. Na categoría de deportista feminina de base serán recoñecidas as irmás Debris e Demeku Paniagua, mentres que o galardón a deportista masculino de base recaerá en Cosme González.
No apartado absoluto, o premio a deportista feminina será para Blanca Millán, e o de deportista masculino para Guillermo Carracedo. O recoñecemento a adestrador máis destacado será para Santi Valladares, mentres que o de árbitra ou xuíza máis destacada distinguirá a María José Barbazán.
En canto ás entidades, o premio á entidade deportiva máis destacada será para o Club Waterpolo Santiago, mentres que o galardón á entidade educativa recaerá no Colexio Peleteiro. O recoñecemento ao patrocinio deportivo distinguirá a Ferrecal.
Na categoría de actividade ou acción social serán premiadas a Andaina de Duchenne e Becker e o labor de Juanma Mata e Samuel Mata, mentres que o galardón ao deporte adaptado ou inclusivo recaerá en Marcelo Lusardi.
Ademais, concederase o premio honorífico á traxectoria a Chuco Barreiro e Maruxa Barral. Completan o palmarés dúas mencións especiais, que serán para Emilio Navaza, a título póstumo, e para Luís Penido Rally Team.









