A EASD Mestre Mateo celebra este xoves a XVI Gala Despunte na Cidade da Cultura
O alumnado de Deseño de Moda presentará máis de 30 coleccións nun desfile que reunirá a 700 convidados e evidenciará o carácter multidisciplinar da escola compostelá

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo amosa o potencial creativo do seu alumnado na tradicional Gala Despunte que congregará mañá na Cidade da Cultura a arredor duns 700 convidados entre representantes institucionais, da comunidade educativa, do tecido empresarial e profesionais do deseño.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, asistirá a esta cita que conta co respaldo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Non en balde, a Xunta, ademais de reforzar a EASD Mestre Mateo con novos itinerarios formativos, está a realizar unha forte aposta por impulsar os centros de ensinanzas artísticas, como é ocaso deste centro compostelán, como polo tractor da canteira cultural e creativa de Galicia. Para iso puxo en marcha o Plan Educ-Art así como a feira InnovArt, esta última como un escaparate da calidade destas ensinanzas que se imparten na rede pública galega.
O evento, que vai pola súa décimo sexta edición, é unha oportunidade para que os estudantes de moda deste centro da Xunta dean a coñecer ante o público as creacións realizadas durante o curso académico. Farano a través dun desfile coa posta en escena de máis de 30 coleccións deseñadas polo alumnado de Deseño de Moda.
Implicación de todo o alumnado do centro
Un ano máis, o encontro está concibido como un proxecto multidisciplinar que implica o conxunto do alumnado da EASD Mestre Mateo; xa que os estudantes de Moda estarán asistidos polos seus compañeiros de Fotografía que se encargarán de cubrir o evento, mentres que os estudantes dos primeiros cursos de Moda colaborarán como persoal de apoio en tarefas de loxística, backstage e acomodación.
Ademais, os estudantes do ciclo formativo de grao superior de Técnicas Escultóricas da escola foron os encargados de deseñar o trofeo que se entregará aos galardoados cos Premios Despunte aos mellores traballos de fin de estudos dos graos en Deseño, aos proxectos finais dos ciclos superiores de Artes Plásticas e Deseño, e aos galadóns Fusión Artesanía e Moda, Deseño Circular, Miscelánea e A Lingua. Arte da Túa Terra.









