O CGAC celebra unha nova edición dos obradoiros infantís MIES É+ sobre arquitectura contemporánea
As sesións do 14 e 15 de marzo, dirixidas por Fermín Blanco e o equipo do Sistema Lupo, achegarán aos máis novos á Quinta de los Molinos

O Centro Galego de Arte Contemporáneo continúa cos obradoiros MIES É+ nunha décima edición dedicada á arquitectura contemporánea para o público infantil, que pecharán cun obradoiro dirixido ás familias dedicado á construción ao natural arredor da figura de Joaquín Vaquero Palacios e a súa grande obra en Santiago de Compostela. Os obradoiros, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto Fermín Blanco, co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo.
O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo. O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica, onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo.
Na cita deste mes, que terá lugar o 14 e o 15 de marzo, os máis novos terán a oportunidade de achegarse á Quinta de los Molinos, residencia de César Cort, coa que aprenderán sobre a xestión da auga e dos cultivos. A cita do sábado está dirixida a nenos e nenas de entre 6 a 8 anos, mentres que a do domingo é para os comprendidos entre os 9 e 11. O prazo de inscripción é do 4 ao 12 de marzo.
Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal. Deberán indicar os seguintes datos: o nome completo e a idade das persoas participantes, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto, o nome e o número de DNI das persoas autorizadas para recoller os e as menores no CGAC e o nome do taller ao que desexan asistir.









