Últimos días para participar no certame 'Enreguéifate'
O prazo para mandar vídeos de improvisación oral en galego remata este venres para as categorías escolar e xeral

Tras unha edición de récord, na que foron impartidos máis de cen obradoiros escolares de improvisación oral, o proxecto Enreguéifate convida agora á poboación escolar e á cidadanía de toda Galicia a participar no seu certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición pecha este mesmo venres.
O certame e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo e teñen como obxectivo espertar a curiosidade pola improvisación oral en galego, sobre todo entre a mocidade.
De aquí ao venres, 6 de marzo, quen o desexe pode participar enviando un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre. A inscrición deberá realizarse a través da web do proxecto, onde se poden consultar as bases completas.
O certame conta con dúas categorías: unha escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, e outra xeral, onde calquera persoa pode participar independentemente da súa idade e condición.
Como en edicións anteriores, outorgaranse oito galardóns por cada categoría, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra e na que, como cada ano, serán convidadas as persoas e as aulas gañadoras do certame.








