O Concello de Santiago entrega o 9 de marzo os premios ‘Mulleres de Compostela 2026’
A gala polo 8M no Teatro Principal recoñecerá oito candidaturas de mulleres con traxectorias destacadas na cidade

O Concello de Santiago conmemora o Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo, cunha gala na que entregará oito recoñecementos á traxectoria de mulleres relevantes para Compostela. O acto de entrega dos premios ‘Mulleres de Compostela 2026’ terá lugar no Teatro Principal o luns 9 de marzo ás 19.00 horas.
A lista de premiadas foi aprobada polo Consello Asesor de Condecoracións a partir da escolla realizada polo conxunto da Corporación Municipal. Con esta entrega o Concello de Santiago recoñece a traxectoria persoal e profesional de mulleres naturais de Compostela ou que viven e desenvolven as súas tarefas profesionais na cidade, coincidindo coa celebración do 8M.
Este ano son dez mulleres premiadas, correspondentes a oito candidaturas, unha delas colectiva: ‘As Fillas Bravas de Momán’ (as actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal de Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.











