O XVII Santiago(é)Tapas supera os 5.000 votos a metade do certame
O concurso impulsado por Turismo de Santiago reforza a actividade hostaleira e a desestacionalización turística na cidade

Cando se cumpre a metade do concurso, o XVII Santiago(é)Tapas enfronta a súa segunda fin de semana xa con máis de 5.000 votos rexistrados a través dos códigos QR que se atopan nos locais participantes. Esta cifra amosa a boa acollida que está tendo o concurso organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña. Estes establecementos hostaleiros están a recibir unha notable afluencia de público, o que repercute directamente na facturación do sector nunha época de menor consumo.
Ademais do impacto inmediato na hostalaría, o certame xoga un papel clave na desestacionalización do turismo. Ao celebrarse fóra da tempada alta, convértese nun atractivo engadido para atraer visitantes da contorna nun período tradicionalmente máis tranquilo.
Agasallos para o público
Ademais de gozar da alta calidade da gastronomía compostelá, todas aquelas persoas que proben as tapas poderán gañar diversos premios, tales como agasallos especiais de Turismo de Santiago ligados a Compostela, produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, de AGACAL; botellas de viño Ponte da Boga, cervexas Estrella Galicia ou lotes de Café Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia); entre outros regalos.
Para recibir algún deles é necesario completar polo menos unha das 8 (é)TAPAS que aparecen no Tapasporte, contando cun selo de cada local participante na (é)Tapa que corresponda. Cantas máis realizadas, máis agasallos se poden conseguir. Tamén hai regalos directos por contar cos selos de como mínimo unha das tapas en todos os locais incluídos nas rutas de interese especial: doce, sen glute e vexetariana.
Ademais, entre todas aquelas persoas que voten polas súas tapas favoritas a través dos QR que atoparán nos locais participantes, sortearase unha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio.










