A Xunta licita por máis de 3 millóns de euros a limpeza dos centros de saúde da área de Santiago e Barbanza
O contrato, por 24 meses, abrangue 32.950 m² de instalacións de atención primaria e PAC en Compostela e na súa contorna, con prazo de ofertas ata o 25 de marzo

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica hoxe no Portal de Contratos Públicos a licitación da limpeza dos locais e dependencias dos servizos e unidades de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza por un importe de 3.054.631 euros e un período de 24 meses.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 25 de marzo para presentaras súas ofertas.
Os centros de saúde nos que se deberá prestar o servizo de limpeza obxecto deste contrato son os de Vite, Fontiñas, Concepción Arenal, Galeras, Bertamiráns, Milladoiro, Brión, Bembibre, Touro, Boqueixón, Vila de Cruces, Valga, Pontecesures, Lalín, A Estrada, Silleda, Muros, Carnota, Noia, Outes, Lousame e Lira. Tamén se inclúen os puntos de atención continuada (PAC) de Bertamiráns, Valga, Lalín, A Estrada, Silleda, Muros e Noia.
En total, a limpeza supón unha superficie de 32.950 m 2 . Entre os servizos que se deben realizar no marco deste contrato están a limpeza, desinfección e/ou descontaminación de todas as dependencias interiores e limpeza de exteriores, así como de todo o mobiliario e equipamento.
Tamén a recollida e traslado de residuos, ou calquera tipo de material desbotable, a diario, ás dependencias que para o seu depósito ou tratamento se destinen en cada un dos centros; e a colaboración na recollida, carga e descarga diaria ás dependencias destinadas ao depósito final, da roupa sucia e daqueles artigos que poidan ser obxecto de lavado e desinfección.








