O caldo de gloria de Rosalía chega aos establecementos de Santiago
A iniciativa multiplica a súa difusión en Compostela e suma á hostalaría e aos centros educativos na homenaxe á poeta polo seu aniversario

A concelleira de Turismo e Capital Cultural, Míriam Louzao, asistiu o pasado venres á presentación da iniciativa da Fundación Rosalía de Castro, Hostalaría.gal e o propio Concello para homenaxear a Rosalía de Castro ofrecendo o caldo de gloria en preto de medio cento de locais hostaleiros da cidade.
Ademais, repartirase o material desta iniciativa (o manteliño) entre os comedores escolares dos centros públicos de ensinanza infantil e primaria e nos comedores universitarios.
Á presentación da iniciativa, que tivo lugar no CIFP Compostela, asistiron, ademáis de Miriam Louzao, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente de Hostalaría.gal, Lois López; e o profesor de cociña do CIPF Compostela, José Quintáns. Coa inclusión dos comedores escolares e universitarios dentro da acción, multiplícase a súa difusión, achegando a figura de Rosalía a cativada e ao colectivo universitario.
Na presentación puídose degustar este caldo de gloria, inspirado no poema 'Miña casiña, meu lar', no que Rosalía de Castro explica como facer un caldo humilde. O día de Rosalía celébrase o 23 de febreiro, en lembranza da súa data de nacemento, que neste ano 2026 correspóndese co proximo luns. Por este motivo, moitos establecementos da cidade ofrecerán xa dende o venres até esa data unha tapa de cortesía da súa versión do caldo de gloria.
O listado completo de establecementos e os días concretos nos que cada un terá dispoñible o caldo de gloria pode consultarse na web de Turismo de Santiago, dentro das múltiples accións de promoción que a entidade municipal está desenvolvendo para difundir e consolidar esta iniciativa en Compostela.
Entre estas accións destaca tamén a distribución de 42.000 manteis entre os locais participantes, que sirven de promoción non só da actividade do caldo de gloria deste ano en particular, senón da figura de Rosalía de Castro.









