Pobreza e saúde mental protagonizan o Tempo da Psicoloxía na Facultade de Psicoloxía
As xornadas do 24 e 25 abordan estigma e exclusión social coa apertura a cargo de Manuel Muñoz López, catedrático da Universidad Complutense de Madrid

Pobreza e saúde mental centran a edición deste ano das xornadas Tempo da Psicoloxía, que se desenvolverán os días 24 e 25 na Facultade de Psicoloxía, con opción tamén de seguilas de maneira virtual.
Será Manuel Muñoz López, catedrático da área de Personalidade, avaliación e tratamento psicolóxicos da Universidade Complutense de Madrid e director da Cátedra institucional UCM-Grupo-5 Contra el estigma, quen inaugure estes encontros o martes 24 ás 12.00 horas. A súa conferencia leva por título ‘Estigma, saúde mental, pobreza e exclusión social: todo á vez en todas partes’.
As xornadas continuarán o mércores 25 a partir das 18.00 horas con dúas mesas de debate. Na primeira, ‘Saúde mental e pobreza: unha viaxe de ida e volta’, participarán Ricardo Fandiño Pascual, vogal da Xunta de Goberno do COPG e coordinador xeral de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional da Infancia e da Adolescencia), e Alexandre Teixeira, membro da Ordem dos Psicólogos Portugueses e coordinador do Centro do Porto da Associación CAIS para persoas en situación de risco ou exclusión social.
A segunda das mesas contará coa intervención de Aarón Argudo Palacios, subdirector de ALUME; Beatriz Gómez Gómez, traballadora social no SERGAS (Ourense); Ana Pardo Fernández, traballadora social e presidenta da sección Galicia da Rede Europea contra a pobreza e a exclusión social (EAPN); e Adrián Varela, técnico de atención integral de saúde mental da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia). Modera a técnica de AGARESO Verónica Couto Tasende.








