Lumedoloop lanza '(Re)existencia', un manifesto sonoro contra a involución social
O trío compostelán formado por Jamas, Møu e DJ Mil presenta un álbum conceptual de 14 temas que reivindica o rap como ferramenta de conciencia e resistencia cultural

O grupo compostelán Lumedoloop publica este venres 20 de febreiro o seu primeiro álbum, (Re)existencia, unha obra conceptual coa que o trío integrado por Jamas, Møu e DJ Mil reafirma a súa aposta por un rap comprometido, consciente e alleo ás lóxicas comerciais. A formación define o traballo como “un mapa de navegación para tempos convulsos”, máis próximo a un posicionamento vital que a un simple lanzamento discográfico.
“O lume está aceso, o loop faino eterno”, canta Jamas no tema que abre o disco. Así arrinca un proxecto que, segundo os seus autores, reflexiona sobre o significado de vivir con conciencia e converte a creación artística nun acto de resistencia. “Non facemos música para encaixar, senón para respirar”, afirma o MC, reivindicando o rap como espazo de pensamento crítico, aprendizaxe e celebración colectiva sen renunciar aos principios propios.
Un concepto que vai máis alá da música
O título (Re)existencia xoga co verbo existir e co prefixo “Re” para articular tres dimensións que sustentan o discurso do álbum. Por unha banda, a Rexistencia, entendida como firmeza creativa e loita integral; pola outra, a Reexistencia, vinculada á transformación constante que fortalece identidade e conciencia; e, finalmente, a Existencia como presenza plena e digna no mundo.
O disco poderá escoitarse desde este venres nas principais plataformas dixitais e supón a consolidación dunha proposta que, desde o seu anuncio en outubro, foi debullando o seu ideario a través de diferentes avances.
Catorce manifestos nun tempo de urxencia cultural
Ao longo dos últimos meses, Lumedoloop anticipou o espírito do álbum con varios sinxelos. En Rico de Sabor, o grupo abordaba o materialismo afectivo fronte á precariedade económica; con Rap Cru, celebraba a creación libre de condicionantes comerciais; e en Non Traio Un Laio erguía un himno contra a submisión lingüística e o desarraigo cultural, reivindicando o galego como símbolo de identidade.
Co tema Involución, o trío sinalaba o capitalismo depredador, a lexitimación da ultradereita e o papel das elites económicas e mediáticas. Máis recentemente, presentou Fíos de Cor, peza que funciona como núcleo emocional do disco e que reflexiona sobre a aceptación das propias sombras: “de mirar ás sombras de fronte e aprender a convivir con elas. De aceptar que forman parte de nós e de transformar esa escuridade en luz”.
O álbum complétase ata os 14 cortes, abríndose cun tema homónimo e pechando con cancións como Baixo Cal, Space Drunkers, Transmisión Etílica, Imaxinario, Seca as bágoas, Ra e Apofis, A Nosa Lei e O Xerme da Desobediencia.
Con (Re)existencia, Lumedoloop preséntase oficialmente como unha das voces máis combativas da escena urbana galega, nun momento que o propio grupo define como de urxencia cultural e no que a música se reivindica como espazo de conciencia e acción.









