Conxo dálle a despedida ao Entroido entre polbo, filloas e o lume do Meco
Xantar popular, foliada, concurso de orellas e filloas e concertos marcan o peche desta festividade en Santiago de Compostela

Conxo celebra o seu tradicional Entroido este sábado cun completo programa de actividades que arrancará a partir das 12.00 horas co desfile das comparsas Os Conformistas de Conxo e O Carro de Conxo.
Partirán da praza da Mercé e percorrerá a avenida de Ferrol, avenida de Vilagarcía, rúa de García Prieto, rúa de Sánchez Freire para rematar no Campo de Conxo, onde a partir das 13 horas haberá sesión vermú coa actuación do grupo de pandeiretas María Raxeta e os Festicultores Troupe.
Todas as persoas que o desexen poderán unirse ao xantar popular a partir das 15 horas, previa reserva da mesa no CSC de Conxo. As/os participantes poderán levar a súa comida da casa ou comprala no posto de polbo e na cantina da Comisión das Festas patronais de Conxo.
Ás 17.00 horas será o turno para as Xeneraliñas da Semente co seu atranque, e, a continuación, ás 17.30 horas, terá lugar o concurso de orellas e filloas, con participación previa inscrición, e o xogo da piñata para a rapazada entre 5 e 11 anos.
A partir das 17.30 horas, todo o mundo está convidado a unirse á foliada de Entroido de música tradicional coa Asociación de Música Tradicional de Conxo e Os Valentes de Conxo, e ás 18.30 horas terá lugar a tradicional SEC Gala para premiar os mellores sombreiros de Entroido sobre gastronomía nas categoría individual, parella e grupo.
O Entroido de Conxo pecharase coa queima do Meco ás 20 horas, a actuación de Chiña ás 20.30 horas e o karaoke con Esteban ás 22.00 horas.
Durante a xornada, haberá pasadoiro de Entroido con graffiti e tamén se poderán visitar as exposicións sobre o Entroido de Conxo nos anos 40 e 50 e a última década.
Por mor da celebración do Entroido de Conxo, haberá cortes de tráfico. Estes festexos organizados pola coordinadora das Festas Tradicionais de Conxo poñen o punto final ao Entroido 2026 en Compostela.








