As esculturas de Carboeiro regresan a Galicia tras un acordo institucional 'exemplar'
Goretti Sanmartín destaca a colaboración entre administracións e museos como modelo para recuperar pezas do patrimonio espoliadas e reclama que outras obras volvan aos seus lugares de orixe

O Museo das Peregrinacións foi escenario do acto de presentación das dúas esculturas espoliadas hai preto de 70 años do pórtico do Mosteiro de Carboeiro, que regresan a Galicia grazas a un acordo entre a Xunta e o Concello de Barcelona.
“Levamos moito tempo reclamando que temos que gozar do Patrimonio nos lugares onde ese patrimonio debe estar”, reivindicou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no seu discurso, e avogou pola colaboración institucional para que outras pezas, coma as columnas de San Paio de Antealtares, poidan recuperarse para o seu lugar de orixe.
Sanmartín valorou que as esculturas de Carboeiro volvan a Galicia pouco tempo despois de que foran recuperadas as estatuas do Mestre Mateo e trazou tamén as diferenzas entre estes dous procesos. Nese sentido, apunto que as pezas do Pórtico da Gloria volveron a Santiago, “de onde nunca debero saír”, despois dun “longo proceso xudicial, chegando ao Tribunal Supremo para poder recuperalas á forza” .

As esculturas de Carboeiro chegan, en cambio “a través dunha relación exemplar entre institucións, entre administracións e tamén coa colaboración do museo da entidade que as tiña na súa propiedade”, valorou. “Esta debe ser a fórmula, este debe ser o guion que nos leve tamén a recuperar outras pezas que continúan estando fóra do noso país es que sabemos que constitúe unha anomalía”, defendeu.
A rexedora sinalou tamén a importancia da investigación para iniciar estes procesos e avalar que “as pezas teñen que estar no seu lugar de orixe”. Felicitou polo seu traballo ao investigador Francisco Prado Vilar e valorou que coñecer o periplo, a traxectoria, a como foro espoliadas e como foron vendidas é o punto de inicio para que as distintas administracións inicien o proceso de devolución.
“En Santiago de Compostela aínda temos as columnas de San Paio de Antealtares que están no Museo Arqueolóxico Nacional unha parte e outra parte está fóra do Estado español”, lembrou a alcaldesa e insistiu en que é o momento de que todas as administracións e entidades colaboren.










