O Concello activa o programa Minerva con 3 millóns de euros para impulsar a inserción laboral
O proceso de selección xa está en marcha en Santiago de Compostela para 60 itinerarios formativos, con prioridade para colectivos vulnerables e forte peso do sector dixital e TIC

O Concello de Santiago, a través do departamento de Emprego, ten en marcha o proceso de selección de participantes nos itinerarios formativos do programa Minerva, un proxecto de formación para o emprego no que se van investir tres millóns de euros, dos que 1,8 millóns proceden de fondos europeos.
As accións están dirixidas de maneira prioritaria aos colectivos vulnerables e con maiores dificultades de inserción laboral como o das mulleres, as persoas paradas de longa duración, inmigrantes, persoas con discapacidades, e menores de 30 anos.
Nos últimos días comezaron dous dos itinerarios formativos incluídos no programa, o de “Actividades loxísticas de almacén”, que se desenvolverá ata finais de marzo; e o de “Hixiene e atención domiciliaria sanitaria”, que rematará o 14 de abril. Está a piques de comezar tamén o itinerario de “Edición de videos con After Effects” e para o que ainda hai prazas dispoñibles.
60 itinerarios formativos
A concelleira de Dereitos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, lembrou que no marco do programa Minerva vanse desenvolver 60 itinerarios formativos distintos, con formación específica, prácticas profesionais titorizadas, formación transversal e formación complementaria. María Rozas apuntou que “respondendo ás necesidades do mercado laboral, a maioría dos itinerarios, preto de 40, están relacionados co sector dixital e as TIC, e atenden a disciplinas como a intelixencia artificial, a realidade aumentada, a creación de videoxogos ou o desenvolvemento de webs”.
Ademais, o programa Minerva atende outro tipo de sectores con dificultades para atopar persoal, con itinerarios relacionados coa construción, como os de albanelería ou pintura; o comercio, con formación en oficios que non teñen relevo xeracional como o de carniceiro; ou a atención á dependencia, como os de atención sanitaria domiciliaria ou coidado das persoas maiores.








