Máis de 275 judokas disputan este sábado o XVIII Trofeo Cidade de Santiago no multiusos Fontes do Sar
A cidade tamén acolle dúas probas de promoción base que converterán a cidade no epicentro deste deporte con entrada libre

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este mércores en rolda de prensa o XVIII Trofeo Cidade de Santiago-Copa España Infantil A de Judo, que organiza a Federación Galega. Este evento puntuable para a final do Campionato de España disputarase no pavillón multiusos Fontes do Sar este sábado 21 de febreiro a partir das 9.30 horas.
Pilar Lueiro valorou que participarán máis de 275 judokas e que se trata dunha das probas máis relevantes do calendario estatal, que reúne deportistas de distintos puntos do estado e tamén uns 50 procedentes de Portugal.
Na rolda de prensa participaron tamén David Fernández Neira, delegado en Santiago da Federación Galega de Judo, e Xaquín Baldomir, responsable do Judo Club Base. David Fernández Neira agradeceu o apio do Concello e destacou que este ano o trofeo bate récord de participación e “pon Santiago no mapa”.
Tres competicións nunha xornada
A xornada do sábado concentrará tres competicións de judo no Multiusos do Sar, todas elas con entrada libre. Mentres que o XVIII Trofeo Cidade de Santiago se celebrará ao longo da mañá, con entrega de premios sobre as 15.30 horas; pola tarde, a partir das 17.30 horas, terán lugar dúas competicións dirixidas aos máis pequenos: Xogajudo e o III Trofeo de Judo Promoción Concello de Santiago, organizado polos clubs.
No Xogajudo competirán rapazas e rapaces dos niveis benxamín, alevín e infantil, mentres que o Trofeo de Judo Promoción se disputa nas categorías biberón e prebenxamín, converténdose nunha das citas de promoción do judo base máis numerosas da tempada ao reunir en total a uns 600 judokas.








