Paulo Carlos López | "As mellores políticas do Goberno de Pedro Sánchez foron de Sumar"
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia pon en valor o traballo "transformador" da súa organización a nivel estatal e valora como "realista" unha candidatura unitaria de toda a esquerda

Nun escenario político marcado polo pulso entre BNG e PSdeG e coa dereita consolidada na Xunta, Movemento Sumar Galicia busca definir o seu lugar. O seu secretario xeral, Paulo Carlos López, defende que existe un espazo político real para a súa organización e que o futuro da esquerda pasa por ampliar, e non fragmentar, as súas bases.
Nesta conversa, o dirixente debulla a folla de ruta da formación, reflexiona sobre os erros do pasado recente e aborda o papel que Sumar quere xogar tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Entre autocrítica, chamada á unidade e reivindicación de perfil propio, López insiste en que o proxecto aspira a traducirse en cambios concretos na vida da cidadanía.
Que espazo político real ocupa Movemento Sumar Galicia nun contexto marcado polo dominio de BNG e PSdeG?
Movemento Sumar Galicia presentouse nas últimas eleccións xerais obtendo representación, temos un deputado e unha deputada no Congreso dos Deputados, e presentámonos nas eleccións galegas sen organización, porque estabamos nacendo, e non obtivemos representación. Isto significa que non exista espazo político para Sumar Galicia? Eu creo que é ao contrario. O espazo político existe, e a existencia dese espazo é o que promove o cambio en Galicia. Nós dixemos nas eleccións galegas que sen Sumar non habería cambio político. Tristemente, acertamos. Non estivo Sumar nas eleccións galegas e, consecuentemente, o Partido Popular segue gobernando. Evidentemente, isto pasa por moitas circunstancias. Pasa porque aínda estabamos comezando, non tiñamos tempo para dar a coñecer máis o noso proxecto. Somos unha organización galeguista, somos unha organización que quere máis autogoberno e que quere corresponsabilizarse tamén da política de Estado. Así que creo que a maior parte da Galicia progresista é representada por nós.
Tal e como o explica, a idiosincrasia do seu partido lembra, inevitablemente, á do BNG. Cunha proposta tan semellante, que xustifica a existencia dunha marca diferenciada?
Non querería identificar Movemento Sumar Galicia en contraposición con outros actores políticos, porque nós temos a nosa propia idiosincrasia. A nosa visión política está moi fundamentada en, primeiro, atallar os problemas materiais da cidadanía galega, que é a mellor forma de defender a Galicia. Galicia non é algo etéreo, Galicia non é algo abstracto. Galicia son as persoas que viven en Galicia e se senten galegas. E, consecuentemente, temos que centrar a política en mellorar as súas condicións materiais. Este é un ámbito que diferenza a Sumar do resto das políticas de esquerda. Atacamos radicalmente os problemas de raíz. Cales son os problemas de raíz? Por exemplo, a relación capital-traballo, os dereitos laborais, o SMI, a reforma laboral, a redución da xornada laboral...
Estaría disposto Movemento Sumar Galicia a concorrer en coalición co BNG nas xerais?
É algo que mesmo non está sobre a mesa, pero todo sería cuestión de falalo. Agora ben, polas últimas declaracións parece que eles mesmos xa o descartan.

Sinala que o gran erro nas autonómicas de 2024 foi a falta de organización. A autocrítica esténdese a algo máis alá da proximidade temporal entre a constitución da organización e as eleccións?
Se non me equivoco, a organización foi rexistrada como partido político a finais do ano 2023. As eleccións foron en febreiro do 2024. Evidentemente, tivemos pouco tempo. E quero explicitar, porque moitas veces os políticos non facemos autocrítica, que tamén algo temos que ver nós. Evidentemente hai erros propios que non só teñen que ver coa comunicación. Teñen tamén que ver co pouco desenvolvemento do proxecto e con outros aspectos. Facemos autocrítica, asumímola e estamos poñendo as condicións para non volver a repetir eses erros. E a primeira condición é facer unha renovación. Son moi insistente nisto.
Con relación ás municipais, que papel xogará Movemento Sumar Galicia?
Na nosa asemblea nacional aprobamos que Movemento Sumar Galicia apoiaría aqueles espazos de cambio que xa están consolidados en moitos concellos. Existen candidaturas municipais que representan a ideoloxía e o espírito de Sumar. Como é natural, temos que apoialas porque xa son Sumar Galicia. Agora ben, existen tamén moitos lugares onde non existen eses espazos e alí si que os impulsaremos. Por exemplo, A Coruña e Vigo. Nestas cidades, Sumar Galicia ten que tomar a iniciativa de propoñer candidaturas.
Impulsaremos unha candidatura propia en A Coruña e Vigo"
E en Compostela?
En Compostela fixemos unha proposta hai cousa de dous meses. Buscabamos o mínimo número de propostas de esquerda porque non queriamos, baixo ningún concepto, que Borja Verea sexa alcalde. Somos conscientes de que hai unha fragmentación que vén derivada da crise do Partido Socialista e a nosa responsabilidade é promover a unidade. Esa unidade como pode ser? Con Compostela Aberta e con Mercedes Rosón.
Algúns e algunhas tomaron mellor a proposta que outros e outras. Digamos que tivemos máis receptividade nalgún lugar e menos noutro. Quero ser discreto neste caso.
A nivel estatal, como valora o momento actual do Goberno de coalición? Sumar mantén a súa identidade ou acabou diluído dentro do Executivo?
Podo resumircho cunha frase: Pedro Sánchez é 'perro' porque está Sumar. E que quero dicir con isto? Que as políticas que di o propio Sánchez que son as mellores do seu Goberno foron de Sumar. Falamos da reforma laboral, da subida do SMI, de todas as propostas de contención das vivendas de uso turístico que está facendo o ministerio de Pablo Bustinduy e da proposta de protección dos menores en redes sociais. Son medidas que Sánchez asume como propias, e isto quere dicir que as políticas realmente transformadoras son as que fai Sumar. Por iso é necesario que Sumar siga no Goberno, e quizais con aínda máis forza.
Como de realista é pensar nunha candidatura unitaria de toda a esquerda estatal?
É realista se todo o mundo é xeneroso. Nós o día 21 de febreiro temos un acto de Comúns, Izquierda Unida, Movemento Sumar e Más Madrid. Alí poñeremos a nosa parte para constituír ese espazo de unidade. Pero somos conscientes de que faltan máis organizacións. Recentemente, valorabamos positivamente a proposta que fixo Gabriel Rufián de chamar á unidade de toda a esquerda, porque cremos que coincidimos con el no fundamental: facer unha fronte democrática, republicana e social. Agora ben, creo que temos que estar á altura das circunstancias. É posible ilusionar a xente ao ver que é posible maximizar a nosa representación por circunscrición, pero isto pide audacia e xenerosidade. E, sobre todo, algo moi importante: que todos os pactos que se fan veñan acompañados de organización, de militancia e de vontade. Aínda que queda moito tempo para as eleccións, temos que ser quen de construír a candidatura o máis ampla posible.

Co PSOE tamén.
Cando falo da candidatura o máis ampla posible, falo de todo o espectro da esquerda, á esquerda do Partido Socialista, me refiro, porque é máis o que nos une que o que nos separa. Estamos nun momento onde nos xogamos dúas cousas: a democracia e a plurinacionalidade. Non podemos permitir que goberne o PP con Vox, e temos que estar á altura do momento histórico. Todo o mundo está disposto? Verémolo.
E con Podemos ou sen Podemos?
Nós non excluímos a ninguén.
A súa organización non, pero Podemos semella que quere desmarcarse.
Si, pero serán eles os que teñan que explicar á xente por que o fan. Nós tendemos a man, apostamos pola unidade e non vetamos a ninguén. Terán que explicar outros por que se baixan deste barco. Por que hai vetos persoais? Por que hai vetos orgánicos? Pois se queremos construír unha esquerda plural á altura das circunstancias, mal comezamos se hai vetos e exclusións. Insisto, nós non excluímos a ninguén.
Se Podemos quere desmarcarse da nosa proposta, terá que explicarlle á xente por que o fai"
Con Podemos hoxe está complicado, pero Rufián está algo máis próximo. Dixo del que sería "un excelente número 2 de Yolanda Díaz". Por que motivo?
Rufián pode sumar. Pode sumar porque unha persoa que é recoñecida a nivel social, que é recoñecida a nivel electoral e que ten unha boa oratoria parlamentaria, isto é evidente. O que pasa é que Gabriel Rufián ten que ter en consideración dous aspectos. O primeiro deles é que ten que recoñecer que existen liderados naturais consolidados nos partidos políticos, como pode ser, por exemplo, Yolanda Díaz. E en segundo lugar, ten que entender e comprender tamén que el non pode ir só. Ten que ir acompañado de máis xente, de máis persoas, de máis organizacións, porque senón imos caer no personalismo cando queremos construír algo colectivamente. Por tanto, Gabriel Rufián suma, e Gabriel Rufián é un activo electoral, pero ten que ter en consideración estas dúas cousas.

Pero Rufián tamén é un líder natural.
Non o nego, pero para min o principal referente da esquerda é Yolanda Díaz.
Por último, como lle explicaría a un votante a diferenza entre o que pode aportar o seu partido e o que xa aportan nacionalistas e socialistas?
Con nós poderá saír unha hora antes do traballo, terá máis cartos na súa conta bancaria e terá unha vivenda digna. Esas tres cuestións son as que representa Sumar en Galicia.









