Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O Concello distingue a dez mulleres co premio Mulleres de Compostela 2026

A gala de entrega celebrarase o 9 de marzo no Teatro Principal, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres

Teatro Principal de Santiago
O recoñecemento municipal pon en valor traxectorias persoais e profesionais de mulleres vencelladas a Compostela, incluída unha candidatura colectiva
Compostela Cultura
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago vén de aprobar a lista de candidatas escollidas polo conxunto da Corporación municipal para recibir o premio ‘Mulleres de Compostela 2026’, co que o Concello de Santiago recoñece a traxectoria persoal e profesional de mulleres naturais de Compostela ou que viven e desenvolven as súas tarefas profesionais na cidade, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo.

As dez mulleres premiadas corresponden con oito candidaturas, unha delas colectiva. Serán recoñecidas coa distinción "Mulleres de Compostela" nunha gala que terá lugar o vindeiro 9 de marzo no Teatro Principal.

A Corporación municipal recoñece este ano o valor de ‘As Fillas Bravas de Momán’ (as actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal de Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.

As premiadas

As Fillas Bravas de Momán representan unha estirpe de mulleres que manteñen viva a memoria das súas nais e avoas, mulleres que traballaron a terra e que atoparon na copla e na pandeireta un espazo de liberdade e denuncia. Dende a retranca como forma de resistencia, o proxecto encarnado por Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar utiliza a música tradicional para tratar temas que historicamente foron tabú para as mulleres maiores no rural, como a sexualidade, a independencia económica e o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, nunha visión feminista desde a raíz.

Clotilde Rodríguez Martul foi a primeira foniatra da sanidade pública galega. Desenvolveu o seu labor profesional en Santiago, destacando pola súa defensa da saúde vocal e o ensino do uso correcto da voz entre os profesionais. Pioneira da sanidade, é tamén un referente político, pois marcou o fito histórico de ser a primeira muller en exercer como alcaldesa de Compostela (aínda que fose de xeito accidental) e concelleira en diversas corporacións. 

Merche Espiño divulgou a “Compostela Rosaliana” no seu libro ‘Espazos de Rosalía en Compostela’ nun acto de xustiza histórica que reivindica Santiago como o fogar vital da escritora máis importante de Galicia. Destaca o seu compromiso histórico coa lingua, sendo colaboradora da Mesa pola Normalización Lingüística desde a súa fundación (1986), foi a súa tesoureira e no 1992 pasou a tomar parte da Comisión de Garantías da Mesa. Foi tamén investigadora da onomástica galega e unha das voces destacadas na cultura local.

María Loureiro é unha das economistas galegas máis influíntes. Catedrática de Fundamentos de Análise Económica na USC, é a directora científica do Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS), que integra as tres universidades galegas. Un dos seus méritos máis tanxibles é o seu papel no xuízo do ‘Prestige’, encargada de realizar a pericial económica que valorou os danos ambientais. É académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias dende 2022 e recibiu os premios María Josefa Wonenburger e SERenidade.

Luísa Ríos está considerada coma unha gardiá do comercio tradicional e de proximidade. Dona dunha mercería no barrio de San Pedro, sitúase coma unha das figuras máis queridas e recoñecibles da entrada do Camiño Francés en Compostela e unha cronista viva da evolución da rúa e do barrio nas últimas décadas. Muller emprendedora e traballadora, representa a xeración de mulleres que co seu esforzo diario detrás dun mostrador sostiveron a economía local e a vida social da cidade. 

Diana Parente é dende xaneiro a única muller inspectora principal de Policía Local de toda Galicia. A súa carreira está marcada por ser a primeira en moitos ámbitos: en 2013 foi a primeira muller en acadar o rango de oficial na Policía Local de Santiago e en 2019, a primeira inspectora. Rompendo teitos de cristal, a súa traxectoria é un exemplo de promoción interna baseada no mérito, o esforzo e a formación constante. Defende un modelo policial baseado na prevención e na colaboración directa coa cidadanía. 

Isabel Castillo destaca pola súa capacidade de exercer unha avogacía con conciencia social. Prémiase o seu papel na defensa dos dereitos civís fronte os abusos, especialmente a súa intervención en casos que afectaron a veciñanza de Santiago, como o asesoramento a afectados por cláusulas abusivas ou estafas bancarias. Recoñécese tamén o seu compromiso co uso do galego no ámbito xurídico e a perspectiva de xénero e familia. 

Pilar Farjas sobresae polo seu liderado no eido da acción social. Como directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela lidera a resposta da cidade ante a pobreza e a exclusión, cunha visión profesionalizada da caridade. Médica de formación, foi tamén unha muller con peso institucional e pioneira na política como conselleira de Sanidade (2009-2011) e secretaria xeral de Sanidade no Goberno do Estado (2011-2014). Representa unha xeración de mulleres que abriron camiño en postos de máxima responsabilidade na Administración. 

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620