Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Compostela Cultura lanza Fiestra Aberta, un novo ciclo de concertos de escoita atenta

Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo actuarán entre marzo e maio no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal

Laguna auditorio de Galicia
O ciclo promovido polo Concello e apoiado polo Consorcio da Cidade propón un espazo de encontro entre creación galega e voces do ámbito estatal e internacional
Santiago Turismo
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
0620_liceo_redideal_251121_tamara

Compostela Cultura presenta Fiestra Aberta, un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo conforman o cartel semestral dun ciclo que se prolongará até final de ano con novas propostas.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou na compaña de Antía Muíño e Su Garrido Pombo este ciclo inspirado simbolicamente na fiestra aberta que, coas súas últimas palabras, demandaba Rosalía de Castro. En palabras da concelleira, o ciclo convídanos a “deter o ruído, abrir un limiar e mirar —e escoitar— o mundo desde aquí, desde Santiago de Compostela, en diálogo co exterior”.

Concibido como un espazo de intercambio e resonancia, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. O ciclo insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura de Rosalía de Castro e coa súa proxección como referente cultural europeo.

A dicir de Louzao, Fiestra Aberta proponnos “un lugar desde o que ollar o mar de diversidade que nos arrodea, un espazo para abrirse, compartir e escoitar sen présa”, reivindicando a música como territorio de vulnerabilidade, emoción e pensamento. Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o ciclo conta co apoio do Consorcio da Cidade.

Un mapa de voces e resonancias

A programación de Fiestra Aberta desenvolverase entre os meses de marzo e maio no Auditorio de Galicia e o Teatro Principal, cun total de seis concertos que percorren linguaxes diversas, nas que dialogan tradición e contemporaneidade, memoria e experimentación.

Abrirase o 5 de marzo, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, coa presentación de 'Anfibia Por Veces' de Antía Muíño, un segundo disco no que a artista continúa continúa a pór a canción no centro. Entre a música de raíz e o jazz-pop, a intimidade das súas autorías dialoga co pulso do canto e da percusión tradicional, consolidando esa linguaxe propia que a situou como unha das revelacións da nova canción galega.

O 21 de marzo, ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia, será a quenda de SÉS, que presenta 'Nadando na incerteza'. Un traballo que aposta pola esencialidade da canción, afastándose de artificios, cun directo próximo e profundamente expresivo no que a voz e a palabra adquiren un protagonismo central.

O 11 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, actuará Rocío Márquez, figura clave do flamenco actual. Acompañada pola guitarra de Pedro Rojas-Ogáyar, presenta 'Himno vertical', unha proposta que reformula o réquiem desde unha dimensión ritual e colectiva, na que vida e morte se entenden como partes dunha mesma danza sonora.

O 22 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, chegará 'Amorodios' de Xan Campos, un traballo que supón un punto de inflexión na súa traxectoria ao incorporar a voz e a palabra da man de Faia Díaz, xunto a Iago Fernández e Virxilio Da Silva. Unha proposta viva, honesta e profundamente transformadora.

O 3 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, Pablo Sanmamed presentará 'A estrela mostrada', un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. Unha viaxe sonora de gran forza emocional, na que o pasado se revela como materia viva que resoa no presente creativo.

O ciclo pecharase o 29 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, con 'Traspielas' de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Música, palabra e imaxe combínanse para celebrar a memoria colectiva dunha aldea, mesturando cancións tradicionais, electrónica, experimentación e materiais audiovisuais actuais e de arquivo.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina