O Festival Rosalía celebrará en Santiago a súa oitava edición cunha fin de semana de música, poesía e escena
A praza de Mazarelos acollerá o groso dunha programación que se estenderá tamén ao Teatro Principal e ao Colexio Maior de Santo Agostiño

Santiago de Compostela volverá render homenaxe a Rosalía de Castro coa celebración da oitava edición do Festival Rosalía, que terá lugar os días 21 e 22 de febreiro baixo o lema Porque así somos. O evento, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, conmemorará o 189º aniversario do nacemento da autora de Cantares gallegos cun cartel diverso no que conflúen música, poesía ao vivo e artes escénicas.
A praza de Mazarelos volverá ser o centro neurálxico do festival, aínda que a programación se estenderá tamén ao Teatro Principal e ao Colexio Maior de Santo Agostiño. O programa completo foi presentado esta mañá en rolda de prensa pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra.
Durante a presentación, Sanmartín destacou a figura de Rosalía non só como poeta, senón tamén como activista cultural e precursora do feminismo, cuxa obra continúa a ser “relevante e inspiradora” para as novas xeracións. A alcaldesa puxo en valor a ampla variedade de propostas do festival e animou á cidadanía compostelá a reservar na axenda as datas do 21 e 22 de febreiro para celebrar “o seu legado e a vixencia dos seus textos”.
Pola súa banda, Sol Agra debullou unha programación que suma arredor de vinte actividades entre concertos, recitais, espectáculos escénicos, obradoiros e presentacións. O lema desta edición procede dun verso de Follas novas e pretende subliñar que, máis dun século despois da súa publicación, seguimos a crear e convivir en galego, cunha ollada contemporánea e diversa.
Música, poesía e artes escénicas
A programación arrancará o sábado 21 ás 11.00 horas na praza de Mazarelos e reunirá ao longo da fin de semana artistas e compañías como Mónica Caamaño, Isabel Risco, o Mago Teto, Os Quinquilláns ou As Teimas, xunto a voces como Uxía, Javier Ruibal, Faia Díaz ou Inés Salvado.
Un dos momentos musicais máis destacados chegará o domingo 22 en sesión vermú, coa actuación De tu casa a la mía, protagonizada por Uxía e Javier Ruibal xunto ao guitarrista Marcos Teira, un encontro entre os versos de Rosalía e Lorca que terá lugar ás 13.20 horas en Mazarelos.
O sábado pola noite, ás 21.00 horas, será a quenda de Loita Amada, que presentará o seu terceiro disco, Resistir é Vencer. O apartado musical complétase coa actuación de Blues do País e co espectáculo Primavera vai chegar, que mestura poesía e música no Colexio de Santo Agostiño o domingo en dúas sesións.
Versos ao vivo e propostas familiares
A poesía terá un peso destacado coa colaboración entre o Festival Rosalía e o Festival Atlántica no proxecto Contoesías: Contos e poesías, que reunirá a creadoras como Dores Tembrás ou Yamini T. Prabhu nunha lectura con perspectiva feminista e crítica.
O programa inclúe tamén unha feira rosaliana, xogos tradicionais para a cativada, presentacións de libros sobre Begoña Caamaño, o obradoiro de rap improvisado CeibaRimas e o Concurso Rosaliano, pensado para toda a familia e conducido por Isabel Risco o domingo pola tarde.
O peche do festival chegará o domingo ás 21.00 horas no Teatro Principal, coa actuación do Mago Teto e o seu espectáculo GalegoRock’n’Magic, unha proposta que mestura maxia, música e cultura popular galega.











