Familia Caamagno: "O que nos mantén facendo música é a amizade"
A mítica banda fundada en Sigüeiro no 2011 repasa 15 anos de carreira musical antes de presentar 'Disco Comarcal', o seu último traballo, na Sala Capitol

Quince anos dan para moitas cancións, moitos escenarios e algunhas certezas. Familia Caamagno chega á presentación de Disco Comarcal cunha traxectoria sólida, un público fiel e a sensación de estar nun punto de inflexión: o de quen xa non ten que demostrar nada, pero segue querendo dicir cousas. O novo disco soa a festa, pero tamén a análise; a celebración colectiva e a retrato dun tempo e dun lugar moi concretos.
Este venres a partir das 20.30 horas, a banda presenta Disco Comarcal na Sala Capitol de Santiago. Un traballo que volve poñer o foco no territorio, nas salas de festas, na memoria compartida e nas contradicións do presente, cun son que medra en ambición sen perder o pulso festivo nin o contacto coa xente. En definitiva, un disco que soa a casa, pero tamén a pista.
Antes de que se apaguen as luces e comece a celebración, falamos con Manuele, cantante do grupo, para deternos no camiño percorrido, no significado deste novo álbum e no lugar que ocupa hoxe Familia Caamagno dentro da escena galega. Unha conversa para entender que hai detrás do baile, da ironía e desa palabra —comarcal— que aquí funciona como declaración de intencións.
Familia Caamagno naceu en 2011 en Sigüeiro. Visto con perspectiva, que explica que sigades aquí máis dunha década despois?
Explícao a amizade, a ilusión que se mantén intacta. Tamén que nos fose ben, no sentido de que tivemos o beneplácito do público. Eu penso que todas esas cousas explican un pouco que, despois de 15 anos, sigamos aquí; que nos sigan chamando para facer concertos e que a xente siga confiando en nós. Non é só ir tocar, tamén está o traballo: este disco fíxemolo martes e xoves de nove da noite a dúas da mañá despois de saír de traballar, entón aí é máis complicado porque as veces non apetece tanto. Para resumir, o que nos mantén xuntos é iso: por un lado o público, que sempre foi moi fiel, e por outro lado a actitude que temos.
Mantivestes sempre o galego como lingua creativa. Sentides que o contexto para a música en galego mudou nestes anos ou seguen existindo as mesmas dificultades?
Si que mudou moito. Cando comezamos xa había bandas que estaban moito antes que nós. Algunhas continuaron e doutras tomamos nós o relevo. O que si que notamos é que hai outras ferramentas que antes non había. Antes non había os axentes que son necesarios arredor da música: axencias especializadas de contratación ou de desenvolvemento artístico, axencias de comunicación especializadas na música… E iso é o principal que notamos. Tamén é certo que todo este gusto que está habendo a nivel mundial pola volta á raíz afecta ao idioma.
Disco Comarcal chega nun momento simbólico, con máis dunha década de traxectoria ás costas. Este disco nace máis da celebración do camiño feito ou da necesidade de seguir mudando cousas?
Este disco é un novo traballo que máis que facer unha compilación do que foi ata agora é un paso adiante en aspectos como o musical ou as letras. Hai canción como ‘De paseo en Portugal’, que sería raro velas noutros proxectos nosos. A produción tamén é noutro estudo. Soamos de forma, se cabe, máis contemporánea do que soamos nunca. Entón, penso que non é un traballo máis, pero tampouco un traballo compilatorio, senón un paso adiante na nosa carreira.
O título e o imaxinario do disco remiten ás salas de festas comarcais e a unha Galicia moi concreta. Que queriades reivindicar con ese universo?
A mensaxe a transmitir é a nostalxia da ruína; ese sentimento que che produce ver algo que foi súper importante para ti, como foron as salas de festa ou as discotecas de cada comarca, convertidas agora en ruínas. Pero o disco tamén fala de moitas outras cosas, como esa capacidade case innata dos galegos por sacar cartos de onde sexa. Un bo exemplo é o Camiño de Santiago, como a economía de moitos pobos e vilas de repente muda e se pon ao servizo deste Camiño. Neste caso era outro tipo de peregrinación, unha peregrinación de sábado, nocturna, pero cara a certos espazos que eran case sagrados e que agora están en ruínas. Fala desa febre do sábado onde a xente se forraba e dese tempo pasado.
A nivel sonoro, abrídesvos a estilos como o disco ou o R&B sen perder o voso ADN. Houbo medo a afastarvos do público habitual ou sentíchedes máis liberdade ca nunca?
Foi bastante natural. A canción de ‘Disco comarcal’, por exemplo, saíu así, cunha melodía tipo Estudio 54 e, de feito, foi o que motivou o falar das discotecas. Xa o feito de ir gravar con Raúl Pérez a La Mina, que é un tipo que se adapta un montón, permitiunos facer unha canción así. Despois, aínda que traballemos con outros estilos, nótase que estamos nós detrás: vese que a Familia Caamagno está tocando, por moito que o tema sexa disco.
Presentar un disco novo en Compostela sempre ten un significado especial. Que representa para vós facer este concerto tan preto da casa?Presentar disco na Sala Capitol é moi especial. Ademais, vai ser un concerto único porque imos estar acompañados de ventos, teclados, un sintentizador… Nunca antes tocamos así. Cremos que imos ofrecer algo único.
E para pechar: que vos gustaría que o público sentise ao saír dun concerto desta nova etapa de Familia Caamagno?
Que a xente saíse coa sensación de que, ao igual viron á Familia Caamagno cinco ou seis veces, pero o que acaban de ver non o viron nunca.








