Santiago destina preto de 1,5 millóns do POS 2026 a melloras no rural compostelán
A achega da Deputación e do Concello permitirá financiar obras en Enfesta, César e Grixoa, ademais do mantemento do rural

A Concello de Santiago de Compostela aprobou este luns, en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a proposta para participar no Plan único de concellos 2026 (POS+ 2026) da Deputación da Coruña, cun investimento total de 1.471.838,65 euros que se destinará integramente ao rural compostelán.
Así o anunciou en rolda de prensa a portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, quen detallou que a achega provincial ascende a 1.214.838,65 euros, mentres que o Concello completará o financiamento con 257.000 euros. Segundo explicou, a decisión responde ao compromiso asumido por todas as forzas municipais de priorizar o investimento na zona rural.
Investimentos previstos
A proposta aprobada inclúe varias actuacións de investimento. Entre elas figura a rede de saneamento no lugar de Reboredo (Enfesta), cun orzamento total de 352.024,28 euros, dos que 257.000 euros serán achegados polo Concello e 95.024,28 euros pola Deputación. Tamén se contempla a mellora do pavimento en diferentes camiños de César, cun investimento de 152.640,12 euros a cargo da Deputación.

O POS 2026 incorpora ademais a primeira fase da senda peonil de Grixoa a Albudiño, cun orzamento de 257.000 euros, así como unha achega de 710.174,25 euros destinada ao mantemento do rural, correspondente a gasto corrente imputable ao plan.
Proxectos complementarios
Xunto ao plan principal, a Xunta de Goberno acordou propoñer dous proxectos para o plan complementario de 2026, cun orzamento total de 587.079,68 euros. Trátase da rehabilitación da ponte de Gallufe, cun custo de 46.277,77 euros, e da ampliación da rede de abastecemento na variante de Aradas, cun investimento previsto de 540.801,91 euros.
Durante a comparecencia, Louzao tamén confirmou a suspensión xa anunciada do prazo de presentación de ofertas no concurso para a prestación do servizo de transporte urbano, unha decisión adoptada de forma paralela aos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local.









