As Cidades Patrimonio impulsan un proxecto de voluntariado cultural auspiciado pola Unesco
O plan, no que participa Santiago de Compostela como cidade integrante do Grupo, terá unha experiencia piloto en Ávila antes de estenderse ao resto das cidades

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España desenvolverá un proxecto de voluntariado auspiciado pola Unesco que está dirixido ao apoio de iniciativas culturais e educativas vinculadas á protección, difusión e transmisión do patrimonio.
O proxecto expón como obxectivos a implicación da mocidade na sensibilización e defensa do patrimonio e reforzar a conexión entre a sociedade e o patrimonio cultural. O desenvolvemento desta iniciativa, cuxa proba piloto se desenvolverá en Ávila, permitirá xerar as metodoloxías necesarias para a súa exportación posterior ao resto das cidades do Grupo, do que forma parte Santiago de Compostela.
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, celebrou este xoves no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR) as reunións da súa Comisión Executiva e a posterior Asemblea, nas que se fixo patente a aposta pola participación conxunta en convocatorias nacionais e internacionais e pola renovación de alianzas estratéxicas.
Igualmente, nos mesmos organismos aprobouse o establecemento dunha folla de ruta orientada a impulsar a actividade cultural e deportiva conxunta das quince cidades que o integran, mediante a participación coordinada en convocatorias de proxectos de ámbito nacional, europeo e internacional.
Os representantes das cidades españolas distinguidas pola Unesco, entre eles a concelleira compostelá Míriam Louzao, coincidiron na importancia de reforzar a acción común do Grupo a través de iniciativas compartidas que contribúan á protección, difusión e valorización do patrimonio mundial, á vez que fomentan a actividade cultural, educativa e deportiva como ferramentas de cohesión social e proxección exterior.










