A Facultade de Dereito da USC reivindica a reflexión pausada fronte á polarización
A decana Ana Gude subliña, no acto de San Raimundo de Peñafort, o papel da universidade na defensa do rigor académico e do Estado de Dereito

A decana da Facultade de Dereito da USC, Ana Gude, lembrou este venres 23, no acto conmemorativo da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón do centro, que “nun tempo marcado pola simplificación do debate público e pola polarización, a institución universitaria debe manterse como un espazo de reflexión pausada”.
O acto que estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz contou tamén coa participación da secretaria xeral, Diana Santiago, e coa intervención da secretaria do centro, Andrea Garrido Juncal, que deu lectura á memoria de actividades. A lección maxistral correu a cargo de David Vilas Álvarez, avogado xeral do Estado. No marco da sesión, procedeuse á entrega da insignia da Facultade aos docentes Ángel García Vidal, Carlos Teijo García e Teresa Bouzada Gil con motivo dos seus 25 anos de servizos no centro.
“Escenario convulso”
A profesora Gude quixo dedicar boa parte do seu discurso ao actual “escenario convulso” a nivel internacional e marcado pola “desinformación deliberada, a banalización da corrupción e a manipulación das regras”. Esta circunstancias, dixo, “poden erosionar a confianza nas institucións e afectar á percepción das garantías comúns”. Para a decana, “a defensa da calidade académica é tamén unha forma de protección do Estado de Dereito: unha aplicación das normas sen preparación adecuada, sen criterio ou sen conciencia dos seus límites pode converterse nunha fonte de inseguridade e desigualdade”.
Retos
O acto tamén serviu para poñer o foco nos retos de futuro e de xeito específico nos desafíos que formula a Intelixencia Artificial. “Estas tecnoloxías están chamadas a transformar profundamente a práctica profesional e a docencia universitaria, e obrigan a repensar aspectos centrais como a transparencia, a protección de dereitos fundamentais ou a delimitación de obrigas e garantías”, sinalou Ana Gude.









