O Concello adxudica provisionalmente 61 prazas do programa ‘Compostela Concilia’ para o Entroido
As actividades desenvolveranse os días 16 e 18 de febreiro nos colexios Cardeal Quiroga Palacios e Monte dos Postes

O Concello de Santiago vén de publicar a listaxe provisional de prazas adxudicadas no programa municipal ‘Compostela Concilia’ para a quenda de Entroido. Un total de 61 solicitudes foron admitidas para participar nestas actividades dirixidas a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos os días 16 e 18 de febreiro, non lectivos, axudando así á conciliación familiar.
O programa desenvólvese nas instalacións dos colexios Monte dos Postes e Cardeal Quiroga Palacios nun horario que abarca das 7.45 ás 16.00 horas, coa posibilidade de elixir entre catro modalidades. A completa inclúe servizo de madrugadores, almorzo, comedor e actividades.
A listaxe provisional publicada na web municipal admite 37 solicitudes para participar no programa no CEIP Cardeal Quiroga Palacios e 24 no CEIP Monte dos Postes, o que supón 61 participantes en total.
As persoas que decidan renunciar á praza adxudicada deben comunicalo ao correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal. O prazo para realizar o pagamento está aberto desde hoxe, día 22, ata o 27 de xaneiro. A continuación, publicarase a listaxe definitiva de prazas adxudicadas o 2 de febreiro.
Os prezos van dende os 10,66 euros da modalidade que só inclúe actividades ata os 24 euros da opción completa. Para favorecer a participación das persoas usuarias con escasos recursos, de acordo cos informes previos que expida o Departamento de Servizos Sociais, establécense reducións do 50% e do 100% dos prezos ordinarios.
O programa ‘Compostela Concilia’ está enfocado a axudar as familias na súas necesidades de conciliación durante os períodos non lectivos e compleméntase con outras propostas, como é o caso da ludoteca ‘Vacaludos’, que este Entroido desenvolve as súas actividades tamén os días 16 e 18 de febreiro no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes de xeito gratuíto.









