Santiago aproba o proxecto de reurbanización da rúa de Mallou con máis de 1,44 millóns de euros
A actuación permitirá a transformación integral desta vía de Meixonfrío, mellorando accesibilidade, mobilidade e redes de servizos, cun prazo de execución de 15 meses

O concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, compareceu este mércores en rolda de prensa acompañado polo xefe do servizo de Obras e Proxecto, Antonio Ranedo, para explicar os detalles do proxecto construtivo para a reurbanización da rúa de Mallou, aprobado na Xunta de Goberno Local desta semana cun orzamento base de licitación de máis de 1,44 millóns.
O edil destacou que se trata dun “proxecto moi importante para a zona norte de Santiago, no barrio de Meixonfrío” e que permitirá “rexenerar un espazo urbano con grandes necesidades de intervención”, conseguindo así mellorar a calidade de vida das persoas que habitan esta rúa a través da mellora do espazo urbano, a accesibilidade, a funcionalidade e a calidade ambiental, renovando e ordenando tamén as redes de servizos públicos.
Domínguez concretou que se prevé que a obra comece este mesmo ano e terá unha duración de 15 meses, cun orzamento base de licitación 1.443.120,71 euros para a “transformación integral desta vía” a través da reorganización do espazo.
“Coa aprobación deste proxecto, dámoslle xa comezo ao proceso de elaboración da documentación para contratar a súa execución”, destacou o responsable municipal de Obras, quen indicou que a licitación se publicará “canto antes” para “converter este proxecto en realidade”. Unha vez redactados os pregos, o proxecto construtivo sairá a licitación coa previsión de que sexa adxudicado no primeiro semestre deste ano.
Un proxecto construtivo para un ámbito complexo
O proxecto de reurbanización abrangue un ámbito de 7.565 metros cadrados ao longo de máis de 540 metros dunha rúa cunha xeometría complexa e moi heteroxénea. A súa redacción requiriu unha análise pormenorizada de cada parcela debido á existencia de espazos privados entre as edificacións e a vía pública, así como un traballo coordinado coa veciñanza e coa asociación Casa Agraria. Actualmente, a zona presenta beirarrúas estreitas ou inexistentes, barreiras arquitectónicas e unha urbanización incompleta nalgúns puntos.
A actuación redistribúe o espazo para implantar un único carril de circulación, mantendo o número actual de prazas de aparcamento e compatibilizando o tráfico rodado co transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. Crearase unha rede continua de itinerarios peonís seguros mediante novas beirarrúas accesibles, cinco pasos elevados e unha zona de plataforma única que contribuirá a mellorar a accesibilidade e a calmar o tráfico, ademais de incorporar pequenos espazos de estancia con arborado.
O proxecto inclúe tamén a renovación integral das redes e servizos: instalarase saneamento separativo, mellorarase a drenaxe de augas pluviais, adaptarase a rede de abastecemento, soterraranse as cablaxes eléctricas e de telecomunicacións e renovarase o alumeado con sistemas máis eficientes. Esta intervención inscríbese nun modelo urbano orientado a mellorar a calidade, a seguridade e a resiliencia do espazo público, sumándose ao conxunto de actuacións municipais executadas e en marcha ao longo de 2025.









