O CIFP Compostela transforma case 10 toneladas de residuos orgánicos en compost de alta calidade en 2025
O sistema de compostaxe comunitaria de Lamas de Abade permitiu tratar o 81% dos biorresiduos do centro e obter máis de 2.300 quilos de fertilizante apto para agricultura ecolóxica

O CIFP Compostela transformou ao longo de 2025 un total de 9.750 quilos de residuos orgánicos procedentes da súa cociña e comedor en compost de alta calidade, grazas ao seu sistema de compostaxe comunitaria instalado en Lamas de Abade.
Estes resultados déronse a coñecer na visita do concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, que estivo acompañado polo mestre composteiro da empresa Sihaho, Gael Núñez Jato, e polos responsables do proxecto por parte da ADEGA, Manolo Soto e Itziar Díaz, que foron recibidos pola dirección do CIFP.
Balance anual
A área de compostaxe comunitaria foi construída polo Concello de Santiago no outono de 2024 e entrou en funcionamento de maneira continuada en xaneiro de 2025. A instalación conta con seis módulos de compostaxe dun metro cúbico de capacidade, cun potencial de tratamento de ata 24 toneladas anuais de biorresiduos procedentes da actividade hostaleira do centro.
O funcionamento diario do sistema foi asumido polo alumnado de hostalaría e polo persoal do CIFP, encargados da recollida separada dos residuos orgánicos nas distintas instalacións e do seu depósito nos módulos de compostaxe, mediante a cobertura dos restos cun material estruturante vexetal facilitado pola empresa xestora. Un mestre ou mestra composteira realizou visitas de supervisión dúas ou tres veces por semana, ao se encargar das tarefas de mantemento, control do proceso e rexistro das incidencias.
A asociación ecoloxista ADEGA, a través do seu persoal especializado en compostaxe e educación ambiental, e no marco do proxecto Compostela Composta desenvolvido en colaboración co concello, foi a responsable da formación da comunidade educativa, así como da avaliación do proceso e da análise da calidade do compost producido.
Compost de alta calidade
Durante o ano 2025 incrementouse progresivamente a eficiencia da recollida separada e do uso da área de compostaxe, que pasou dunha media de 46 quilos diarios de residuos orgánicos tratados entre xaneiro e xuño a 64 quilos diarios entre setembro e decembro, o que supuxo arredor do 81% da xeración total do centro. Como resultado do proceso obtivéronse aproximadamente 2.300 quilos de compost.
Experiencia pioneira e útil para o sector da hostalaría
A experiencia de compostaxe comunitaria do CIFP Compostela demostrou a viabilidade do tratamento in situ dos residuos orgánicos xerados pola actividade hostaleira, o que reduce os custos de recollida, transporte e tratamento en planta, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, o sistema permite xerar un fertilizante orgánico de alta calidade, aproveitable en agricultura e xardinaría.
Trátase dunha experiencia extrapolable a outros centros educativos e establecementos de restauración que dispoñan do espazo necesario para acoller unha instalación deste tipo e que foi posible grazas á implicación do CIFP Compostela e de toda a súa comunidade educativa, así como o traballo desenvolvido pola empresa Sihaho os seus mestres composteiros.








