O Concello presenta ao profesorado a XX Campaña Municipal de Animación á Lectura
Preto de 90 docentes de Infantil e Primaria coñecen as propostas didácticas baseadas nos últimos álbums gañadores do Premio Internacional Compostela

A concelleira de Educación, Míriam Louzao, participou onte nunha sesión formativa para docentes sobre a XX edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura. A xornada celebrouse na sede de Afundación, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago.
Arredor de 90 profesoras e profesores de educación Infantil e Primaria de centros educativos de Santiago participaron nesta sesión, na que foron presentadas as propostas didácticas que se traballarán nas aulas para animar a lectura entre o alumnado. Farano partindo dos sete últimos álbums gañadores do Premio Internacional Compostela para Álbumes Ilustrado, que convoca anualmente o Departamento de Educación municipal en colaboración coa editorial Kalandraka.
Os docentes recibiron un lote de libros para as bibliotecas dos centros escolares que inclúe os sete últimos álbums gañadores do Premio Internacional Compostela. Así, ‘O can de Milu’, ‘Dende 1880’, ‘Selva’, ‘Esperando o amencer’, ‘A visita’, ‘Bim, Bam, Bum’ e ‘Grande e pequena’ chegarán ás mans das rapazas e rapaces composteláns para atraer a súa atención e fomentar o seu hábito lector.
‘Ler para crecer’
A Campaña Municipal de Animación á Lectura cumpre este ano a súa XX edición e leva por título ‘Ler para crecer’. Nesta curso, apoiarase no traballo de Arianna Squilloni e Raquel Catalina Ledesma, gañadoras do XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.
A campaña organizada polo Departamento de Educación desenvólvese do 9 de febreiro ao 12 de marzo con accións que inclúen contos con música para escolares e familias, sesións especiais para bebés, encontro coas autoras do premio ‘Compostela’ de Álbums Ilustrados, sesión formativa para docentes, contacontos con lingua de signos, obradoiros con ilustradores nas escolas infantís, obradoiros de plástica e escrita creativa, a convocatoria do XVIII premio internacional Compostela e visitas guiadas á exposición cos álbums ilustrados gañadores das edicións pasadas, na sede de Afundación, na rúa do Vilar.









