Lumedoloop publica 'Involución', cuarto adianto do álbum (Re)existencia
O novo sinxelo, producido por Møu, sairá acompañado do disco completo o vindeiro 20 de febreiro e aborda a regresión social, cultural e política contemporánea

Lumedoloop vén de publicar este venres 'Involución', o seu novo sinxelo e cuarto adianto do álbum '(Re)existencia', que verá a luz o 20 de febreiro. O tema funciona como un manifesto sonoro contra a regresión civilizatoria que caracteriza o noso tempo: a banalización do pensamento, a devastación do medio natural, o empobrecemento cultural e, de maneira especialmente alarmante, o avance e a integración da ultradereita no espazo político, mediático e social.
“Hai unha idea que atravesa a canción: cando aceptamos como normal a desigualdade sistémica, a destrución do medio, a banalización da cultura ou a deshumanización, estamos colaborando coa involución. A ultradereita non avanza só polos votos que suma, senón pola maneira na que conseguimos normalizala. E iso non sucede por azar. Cremos que a arte non pode permanecer neutral nin cómoda, ten que sinalar, incomodar e obrigarnos a mirar de fronte aquilo que preferimos non ver”, expón Jamas, voz principal.
Así, 'Involución' non apela ao shock nin ao catastrofismo inmediato. O seu xesto é máis incómodo e máis necesario: poñer palabras ao que xa se volveu rutina. A letra conecta fenómenos que adoitan analizarse por separado para revelar un mesmo fío estrutural: un sistema económico e cultural que produce deshumanización, apatía e obediencia.
A canción sinala directamente como o capitalismo depredador e as élites que o sosteñen precisan dunha sociedade desinformada, fragmentada e emocionalmente anestesiada para perpetuarse. Nese contexto, segundo expón Lumedoloop, “os grandes grupos mediáticos aparecen como ferramentas centrais demoldeado social, capaces de converter a precariedade en culpa individual e de empurrar a amplas capas populares a votar sistematicamente contra os seus propios intereses”.
Un videoclip coa estética do colapso
O sinxelo chega acompañado dun videoclip dirixido por Bastian Rodríguez (Elmembrillo Studio), unha peza audiovisual en branco e negro con uso de cor selectiva que amplifica a sensación de realidade degradada, alienación e fragmentación social. A estética, decadente e simbólica, dialoga coa idea central do tema: unha sociedade que avanzatecnicamente mentres retrocede ética, cultural e colectivamente.








