Manual de supervivencia para conseguir entrada para o concerto de The Rapants no Multiusos Fontes do Sar
As entradas para a actuación do 28 de marzo sairán á venda este venres 16 de xaneiro ás 12.00 horas

Se xa estás contando os días para ver a The Rapants, apunta ben porque aquí vai todo o que necesitas saber para non quedar fóra desta cita. Segundo publicou o grupo nas súas redes sociais, as entradas para o concerto do 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar saen á venda o venres 16 de xaneiro ás 12.00 horas en entradas.ataquilla.com. Recomendación: fai o rexistro previo e ten preparados os teus datos persoais e os da tarxeta bancaria, porque isto vai rápido.
As entradas costarán entre 22 e 25 euros, dependendo da zona que escollas, máis gastos de xestión. Haberá tamén entradas PMR de grada, e recordan que neste club hai sitio para todos. A apertura de portas ese día será ás 19.00 horas, e recomendan chegar con algo de tempo. As persoas menores de 16 anos poderán entrar acompañadas dun nai, pai ou titor legal, que aquí a festa é interxeracional se fai falta.
"Iremos juapísimos. Vinde de gala, que faremos fotos e vídeos", avisan. Iso si, sen perder a comodidade, porque aseguran que haberá moitos momentos para bailar. A isto súmase que os pogos na pista están recomendados e permitidos, sempre con sentido común e cabesa, que somos intensos pero educados.
Ademais, no Sar tamén estará o novo merchan e, co novo disco, aseguran que haberá algunha sorpresa de regalo. En resumo: concerto, festa, baile, pogo, gala, sorpresas e moitas ganas.









