A Sinfónica de Galicia interpreta en Compostela a Novena de Bruckner
Dirixida por Thomas Dausgaard, presenta en Compostela unha das obras máis monumentais do repertorio sinfónico, ás 20.30 no Auditorio de Galicia

A Orquestra Sinfónica de Galicia volve este xoves, día 15 de xaneiro a Compostela para tomar parte na tempada ‘Historias’ da Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio. Nesta ocasión baixo a dirección de Thomas Dausgaard, ofrecerá un programa centrado nunha obra clave do repertorio occidental, a 'Sinfonía núm. 9 en re menor' de Anton Bruckner.
Nesta ocasión interpretarase a versión en catro movementos, que inclúe o 'Finale' reconstruído a partir dos bosquexos deixados polo compositor. Esta reconstrución, asinada por John A. Phillips e Giuseppe Mazzuca, permite achegarse a unha posible conclusión da obra, mantendo un intenso debate musicolóxico arredor da súa autenticidade e significado, e completando o arco dramático iniciado polos tres movementos orixinais.
Cunha duración aproximada de 95 minutos sen pausa, 'A derradeira historia' propón unha experiencia sonora de grande intensidade expresiva, na que a Orquestra Sinfónica de Galicia e Thomas Dausgaard afondan nunha partitura que segue a interpelar o público contemporáneo pola súa forza simbólica, espiritual e humana. O concerto inscríbese así na liña da tempada 'Historias', que revisita grandes relatos da música occidental desde unha mirada actual.








