Preséntase 'Levantar a paletilla caída', unha reflexión sobre a medicina tradicional galega
O libro de Lidia Mariño Ventoso aborda o ritual da paletilla desde a fisioterapia, a antropoloxía e a tradición oral

O libro 'Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición galega' preséntase o vindeiro 13 de xaneiro ás 19.00 horas no Museo do Pobo Galego nun acto no que se abordará a relación entre a medicina tradicional galega e as prácticas actuais de saúde. A obra xorde de preguntas recorrentes no ámbito da medicina popular, como que é a paletilla ou que significa ter a paletilla caída, cuestións transmitidas durante xeracións na tradición oral.
A autora, Lidia Mariño Ventoso, é fisioterapeuta e antropóloga, ademais de neta e bisneta de levantadores de paletilla. No libro propón unha reflexión sobre o estado actual da medicina, os seus baleiros e as posibilidades de enriquecela recuperando outras formas de entender a saúde. A través de lembranzas da infancia e de entrevistas a persoas practicantes deste ritual, a obra percorre ámbitos como a mitoloxía, a medicina e a espiritualidade.
A publicación corre a cargo da Fundación Vicente Risco, a través do seu selo editorial Dr. Alveiros. No acto de presentación participarán, xunto coa autora, Elvira Carregado Pazos, presidenta da Fundación Vicente Risco, e Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego.










