O Concello de Santiago abre o prazo para solicitar praza no programa Compostela Concilia durante o Entroido
As familias deberán darse de alta no programa antes do 5 de xaneiro para optar ás quendas de conciliación nas vacacións escolares

No marco do programa Compostela Concilia, o departamento de Educación do Concello de Santiago pon a disposición das familias o programa de conciliación laboral e familiar para o período da vacacións escolares de Entroido.
O Concello lémbralle ás familias interesadas que é preciso estar dado de alta no programa para poder solicitar praza nas diferentes quendas nas datas establecidas. Por tanto, para poder solicitar a quenda de Entroido é necesario darse de alta antes do 5 de xaneiro.
As familias xa dadas de alta, só teñen que solicitar a praza na aplicación do programa, do 5 ao 9 de xaneiro. A lista provisional de persoas admitidas publicarase o 21 de xaneiro. O prazo para facer o pago será do 22 ao 27 de xaneiro e a publicación definitiva de persoas admitidas e listaxe de agarda, de habela, será o 2 de febreiro.
No mesmo período de inscrición, do 5 ao 9 de xaneiro, o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes abre o formulario para realizar a solicitude de praza nas actividades para o período non lectivo de Entroido.
O formulario estará accesible na páxina web do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes e tamén é preciso darse de alta no servizo previamente (antes do 5 de xaneiro).
Tanto o programa municipal de conciliación como as prazas Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes están destinadas a nenos e nenas empadroadas no Concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.










