Unha vida dedicada a reparar o calzado dos composteláns
José Luis Rial Otero, máis coñecido coma Coco, é un dos poucos zapateiros que aínda quedan en Santiago. Aprendeu o oficio con 16 anos e rexenta o seu propio negocio desde o 1989

Coco (José Luis Rial Otero) leva toda a súa vida arranxando zapatos. Comezou a aprender o oficio aos 16 anos e só realizou unha breve pausa na súa carreira para facer o servizo militar. Desde o 1989 a súa Zapatería Belén, que leva ese nome por estar situada no antigo polígono Nosa Señora de Belén, en Vite, é un lugar seguro para os composteláns que queren darlle unha segunda vida ao seu calzado.

Para os veciños, Coco é ben coñecido non só polo seu bo facer como artesán, senón pola súa amabilidade e trato próximo. A súa zapatería é un non parar; desde primeira hora do luns entran novos encargos de clientes que confían nas súas mans. Se algo non falta é traballo, por iso Coco pasa horas e horas, seis días á semana, dedicando corpo e alma ao arranxo das pezas.
A vocación venlle, en parte, de familia. Tiña dous tíos que eran zapateiros e o seu pai animouno a probar ese oficio. Foi así que, ao rematar de estudar, comezou de aprendiz cun zapateiro en Compostela. Así estivo tres anos, sen cobrar, pero durante os que aprendeu os segredos da profesión e descubriu que realmente lle gustaba.
Trala pausa do servizo militar xa se decidiu a abrir a súa propia zapatería, que sempre estivo no mesmo lugar. Dedícase principalmente ao arranxo de zapatos, pero tamén repara bolsos, cintos ou carteiras. Deste xeito, é dos poucos zapateiros que se designa integramente a este oficio. Santiago ten a sorte de contar con varios artesáns espallados ao longo dos seus barrios, pero moitos diversifican a súa oferta con outros servizos entre os que destaca o duplicado de chaves ou mandos a distancia.

Cando un entra na zapatería Belén non ve máis ca zapatos que cobren as mesas do local. Coco recibe calzado de todos os tipos, aínda que refire que ultimamente se reparan moitos tenis, xa que son os que máis se usan no día a día. Con todo, tamén é frecuente ver sandalias ou outras pezas máis elegantes. “Aínda se repara moito. Non vas tirar un zapato e comprar outro novo por calquera cousa, se ten solución a xente vén aquí para atopala”, indica Coco.
O arranxo máis habitual é o cambio de solas e tapas, que é a parte do zapato que máis se gasta. Aínda así, o artesán percibe que hai moita diferenza na calidade do calzado actual en relación ao que se facía hai anos, “e aínda hoxe o que hai bo non é coma o bo de antes”, refire. Empréganse gomas que caducan e as solas rompen con maior facilidade, de aí que o volume de traballo de Coco non diminúa e a súa destreza siga sendo tan necesaria ou máis que hai décadas, cando “case había un zapateiro en cada esquina”.
Dedicación e cariño
A Coco gústalle atopar o momento ideal para realizar segundo que arranxo. Un cambio de sola, se o zapato está en bo estado, pode levarlle media hora. En función da urxencia que teña o cliente e da carga de traballo que teña no día, trata de organizar todos os encargos para que o tempo de espera non supere os dous días, dependendo do tipo de reparación.
A pesar disto, de cando en vez recibe solicitudes máis complexas e, ás veces, en aparencia case imposibles. Noutras ocasións son simplemente encargos diferentes, mais pesados. Para isto Coco precisa ter calma e buscar o instante xusto: “teño que atopar o momento no que podo facer a reparación e, aí, coller o encargo con cariño”.
O de zapateiro é un oficio que demanda moita paciencia, mais, en palabras de Coco, é moi gratificante: “ás veces ata quedas sorprendido cos teus propios resultados. Aínda despois de tantos anos un pode asombrarse do propio traballo, e dá gusto ver como algo sae ben”.
Ás veces ata quedas sorprendido cos teus propios resultados. Aínda despois de tantos anos un pode asombrarse do propio traballo, dá gusto ver como algo sae ben
Malia pasar tantas horas no taller, Coco sente que ao gustarlle tanto o que fai é coma se non houbese horario. Por iso o de zapateiro é un oficio que require vocación, “senón pasar tanto tempo pechado e reparando non o soporta ninguén”. Hoxe faltan aprendices, malia que é un oficio aínda necesario.
Tamén hai descoñecemento arredor do verdadeiro valor destes artesáns. “Hai quen vén ao zapateiro pensando que lle poden arranxar o calzado practicamente gratis, pero hai un tempo invertido detrás que non se ve, ademais do prezo que poida ter unha sola ou unha cremalleira”, explica Coco. Así e todo, Coco afirma que os seus clientes son amables e comprensivos e, nese sentido, é un afortunado.
Hai quen vén ao zapateiro pensando que lle poden arranxar o calzado practicamente gratis, pero hai un tempo invertido detrás que non se ve, ademais do prezo que poida ter unha sola
Inalterable no tempo
As técnicas de reparación de calzado apenas cambiaron ao longo das décadas. O proceso lévase a cabo tanto á man coma con máquinas. Coco ten no seu taller unha das míticas Singer e unha máquina lixadora para os zapatos que non só lle aforra traballo, senón que é indispensable para realizar un bo labor: “e isto antes era igual, como moito en vez de funcionar con corrente facíao cun sistema de poleas, digamos que é o mesmo sistema pero mellorado”.
O que si que cambiaron foron os materiais de reparación, que son de maior calidade. Así e todo, hai certos procesos que son máis complexos, especialmente o de pegado: “antes as solas pegaban con todo, pero agora hai que coñecer moi ben a composición das gomas para atopar o pegamento máis axeitado. Non é raro ter que usar tres pegamentos distintos nun só zapato”.
A pesar das vicisitudes, Coco é feliz na súa zapatería e tamén os veciños da cidade co seu servizo. Polo de pronto seguirá reparando calzado en Vite, a falta duns anos para poder xubilarse. Cando lle toque, abrazará o momento con ledicia: “vivirei a vida e farei o que agora non podo porque non teño tempo. Por moito que me guste a profesión, chega un momento no que é necesario saber aparcar as cousas, saber descansar e disfrutar”, reflexiona. Mentres o tempo non chega, a Zapatería Belén seguirá a disposición de todos os veciños de Compostela.










