A Festa do Apego chega ao Nadal con dous espectáculos de estrea no Auditorio de Galicia
O encontro das familias apegueiras celebrarase o 27 de decembro cunha ampla programación de música, teatro e actividades en galego

A Festa do Apego, o encontro máis agardado polas familias apegueiras compostelás nas datas de Nadal, celebrarase o vindeiro sábado 27 de decembro no Auditorio de Galicia en horario de 12 a 14.30 e de 16.30 a 20 horas.
Un ano máis, e xa van nove, o Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Lingua Galega, agasallará os pequenos e as pequenas da casa cunha xornada de celebración e convivencia arredor da lingua chea de música, xogos e teatro. Unha festa con “espectáculos de altísima calidade e para todos os gustos”, sinalou a rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, que fixo un chamamento a todo o mundo para que se achegue ao Auditorio o sábado 27.
Un dos regalos máis destacados desta nova edición da Festa do Apego é a estrea de dous novos espectáculos. Un deles é 'A árbore dos desexos', un conto musicado da formación compostelá Pillaband, o grupo que en 2023 gañou os Premios Martín Codax da Música na categoría de público infantil. A outra proposta que se estreará o día 27 de decembro é 'Voo', unha peza de teatro físico, música e obxectos da compañía Teatro ó Cubo con Sofía Espiñeira e Uxía Algarra no escenario.
Ao longo de toda a xornada a cativada e as súas familias poderán gozar de moitas outras actividades e propostas en galego: contos, espectáculos de narración oral, xogos, recursos educativos... E como broche final, a novena edición da Festa do Apego pechará co espectáculo musical de 'Bibopalula', a exitosa serie de debuxos da plataforma xabarin.gal protagonizada por Ava e os paxaros do bosque. "








