A Xunta de Goberno aproba dous proxectos para renovar redes de abastecemento en Vista Alegre e Amio
Os investimentos superan os 396.000 euros e complétanse con novas subvencións á rehabilitación no Casco Histórico e en Vista Alegre

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá dous proxectos construtivos para a renovación de redes de abastecemento. O primeiro deles, correspondente á rúa da Torreira de Arriba, en Vista Alegre, conta cun orzamento de 269.760,70 €, e un prazo de execución de catro meses. O segundo proxecto renovará a rede de abastecemento da rúa da Mira, en Amio. O orzamento previsto para este contrato é de 126.959,64 € e tamén ten un prazo de execución de catro meses.
Así mesmo, deuse luz verde á aprobación definitiva da subvención para as actuacións na rúa de Belvís,18, correspondente á convocatoria de subvencións á rehabilitación no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 na ARRU do Casco Histórico FASE 16. Neste caso, a axuda aprobada é de 25.000 euros.
Tamén se aprobou inicialmente a subvención no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, FASE 9 de Vista Alegre, para 21 solicitantes da rúa de Boiro, 4. A contía global das axudas ascende a 96.540,45 €










