Recoñecemento a 25 anos de compromiso empresarial no polígono do Tambre
A Asociación Área Empresarial do Tambre distingue catro empresas polo seu percorrido e reivindica a necesidade de máis solo industrial en Santiago

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) rendeu este xoves homenaxe a catro empresas situadas no polígono industrial que fixeron vinte e cinco anos como asociadas: AD Grupo Regueira, Gall-Esteril, Grupo Teleco e TVH Parts. O evento, que se celebrou no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre co acompañamento musical do Grupo de Pandeireteiras da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, foi presentado pola vicepresidenta da xunta directiva da Asociación, Flor Mariño.
O presidente da Asociación, José Fernández Alborés; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a directora Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; e a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, entregaron aos homenaxeados un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.
Na súa intervención, José Fernández Alborés incidiu na necesidade da ampliación do solo industrial na área empresarial, sinalando que actualmente “o problema é serio”, con chamadas semanais de empresas interesadas en solo e naves que non hai. “O problema grave xa non é que non haxa solo no momento actual. Ao ritmo que imos non teremos solo a catro anos vista. Penso nos 400.000 metros cadrados que están esperando na Sionlla”, argumentou.
No seu afán de actualizar e mellorar continuamente as infraestruturas e loxística da área empresarial, José Fernández Alborés destacou as melloras en vixilancia e seguridade, coa implementación dun moderno sistema que inclúe o uso de drons e a instalación de 28 cámaras de videovixilancia e dúas térmicas. “Temos 600 empresas e 9.000 empregos. E o reto para 2026 é chegar aos 10.000 postos de traballo”, afirmou.
Outro dos piares da Asociación é o fomento da inserción laboral a través do Programa Integrado de Emprego de Galicia, financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego Estatal, co que se conseguíu nesta última edción un 80 % de contratos laborais, cun 60 % dos participantes traballando actualmente.
O director do Grupo Teleco, Manuel García Pombo, agradeceu, en nome de todas as firmas homenaxeadas, o recoñecemento da Asociación Área Empresarial do Tambre. “Este é un recoñocemento que nos fai pensar no rápido que pasa o tempo”.
Con este pensamento, Gracía Pombo fixo unha mención especial aos compañeiros e compañeiras de camiño, “as que comezaron a viaxe e aínda seguen, as que se apearon nalgún momento e tamén ás que se incorporaron e seguen axudando, xa que sen elas a empresa non tería durado tanto tempo”. Asegurou que este recoñecemento é, en definitiva para a “xente do traballo”, coa que, en moitas ocasións, case se comparte máis tempo que coa propia familia.








