A Fundación DIDAC presenta AVISTA, un proxecto para visibilizar o traballo das mulleres na cultura
As xornadas inaugurais do programa, apoiado polo Concello de Santiago de Compostela, desenvolveranse do 17 ao 19 de decembro con mesas redondas, charlas e accións artísticas abertas á cidadanía

Este mércores 17 de decembro comezan na Fundación DIDAC as Xornadas de presentación do proxecto AVISTA realizado co apoio do Concello de Santiago de Compostela a través da Concellería de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica.
Un avistamento é o resultado de ver ao lonxe, da capacidade de mirar con ollos abertos cara ao horizonte en busca de achados interesantes. Partindo desta idea xurde AVISTA, un proxecto que quere dar visibilidade o traballo das mulleres artistas e creadoras no eido da cultura, as artes e o deseño.
Entendendo as artes como unha das vías fundamentais de coñecemento do mundo que nos acolle e rodea, este proxecto quere ser unha lanzadeira para colocar o pensamento e o facer feminino no punto de mira.
Nesta ocasión a Fundación DIDAC presenta un programa de actividades que se van a realizar durante os días 17, 18 e 19 de decembro e co que queren presentar o programa AVISTA á cidadanía.
Programación
As mañás do 17 e 18 de decembro terán lugar dúas actividades destinadas ao alumnado das escolas de arte e deseño da cidade. Así o mércores 17 de decembro ás 11.00 horas terá lugar a mesa redonda 'Artista e muller. Como operar dentro do circuíto artístico' con Almudena Fernández Fariña e Verónica Vicente.
O xoves 18 de decembro á mesma hora a quenda será para a mesa 'Xestión cultural. Retos e oportunidades para novas experiencias' con Agar Ledo e Nuria Sotelo. Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC, será a encargada de moderar as mesas.
Ademais destas actividades para alumnado de escolas de arte e deseño están previstas varias accións nas tardes do 17, 18 e 19 de decembro dirixidas ao público xeral. O mércores 17 ás 19.30 será a quenda de Beli Martínez, produtora de Filmika Galaika que estará na Fundación DIDAC para falar de 'Produción Audiovisual en Galicia'. A produtora falará nesta charla sobre o traballo que desenvolve na produtora e creará ademais unha mostra de cinema aberta ao público na que durante unha tarde poderemos gozar das propostas feitas en Galicia.
O xoves 18 será a quenda de Nuria Vil que encherá o espazo de DIDAC co seu espectáculo poético 'Flúor significa escuridade'. Nuria Vil centra o seu traballo artístico, eminentemente oral, en levar a poesía máis aló da escrita, busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática a través dun discurso marcado pola vindicación social.
Para pechar as xornadas terá lugar a 'Charla e recital poético: Poesía e ruralidades' protagonizado por María Sánchez e a tamén escritora María Solar. Nesta conversa María Sánchez e María Solar falarán sobre o traballo da escritura, sobre a creación no medio rural e o acompañarán de lecturas seleccionadas. María Sánchez, con orixe familiar na Serra Norte de Sevilla, vive nunha aldea en Galicia. É veterinaria e traballa con razas autóctonas en perigo de extinción.
María Solar é escritora e xornalista. Presenta e dirixe o programa cultural ZigZag Fin de Semana na Televisión de Galicia, dirixe o Zigzag Diario e coordina os contidos de cultura na CSAG, onde traballa desde hai máis de 25 anos nos máis diversos formatos. Todas as actividades das tardes terán lugar ás 19.30 horas e son de balde.










