O Concello avanza na recuperación dos hábitats naturais e na mellora das sendas do Monte Viso
A intervención, dotada con 85.000 euros e enmarcada no proxecto “Entre Sar e Sarela”, actúa sobre 8,5 hectáreas para restaurar hábitats de interese comunitario

O Concello está a recuperar os hábitats naturais e a mellorar as sendas do Monte Viso para conservar e restaurar os hábitats de interese comunitario, recuperando áreas de antigas plantacións forestais, permitindo a proliferación de novas especies e compatibilizándoo co uso e desfrute da cidadanía.
Con estas melloras preténdese conservar, restaurar e protexer o Monte Viso, que é unha área de especial valor ornitolóxico e ecolóxico, ademais de ser un espazo de lecer polo que discorre a senda mitolóxica. Esta actuación mellorará a conectividade ecolóxica do Anel verde exterior coa trama urbana e contribuirá a unha cidade máis sustentable e habitable.
O ámbito no que se está a traballar comprende a área de cume do Monte Viso, nunha superficie de 8,5 hectáreas, á que se accede a través dunha rede de sendeiros e que conta cunha ampla e diversa representación de distintos hábitats de interese comunitario.
Este espazo alberga unha das poucas representacións do hábitat queirogais secos europeos que quedan no concello de Santiago e que se atopa deteriorado pola proliferación de plantacións forestais de especies invasoras. Xunto co hábitat de afloramentos rochosos, que dan cobixo a numerosas poboacións de réptiles e aves, forman un mosaico de gran valor ecolóxico que se está a recuperar a través do proxecto de renaturalización 'Entre Sar e Sarela'.
Os traballos que se están a levar a cabo inclúen a retirada de elementos alleos ao espazo, a eliminación de especies exóticas herbáceas e árboreas invasoras que van ser substituídas por plantas nativas como bidueiros, carballos, sobreiras, acivros e distintas especies arbustivas.
Tamén se tomarán medidas para a conservación de distintas especies de pequena fauna silvestre, como aves ou réptiles. Neste sentido, vanse instalar caixas niño para aves e morcegos, así como a creación de hoteis para insectos.
A última liña da actuación busca o reforzo das sendas interiores para facilitar o seu uso, dotándoas de medidas de accesibilidade universais. Realizaranse traballos de mantenemento e mellora da rede de camiños que permite o acceso ao cume do Monte Viso e instalaranse paneis informativos sobre a importancia dos hábitats presentes na zona.









