A USC inaugura en Fonseca a mostra que revisita a figura de Alfredo Brañas 125 anos despois do seu pasamento
A exposición, comisariada por Belén Trigo, ofrece unha lectura contemporánea do intelectual rexionalista a través de obras, documentos e 16 paneis temáticos

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria e profesora da USC, Belén Trigo, “buscar e descubrir os aspectos menos tratados” da figura deste intelectual rexionalista e “establecer un diálogo entre dúas épocas”, o século XIX e as primeiras décadas do século XXI.
A exposición que pode visitarse ata o 15 de xaneiro de 2026 conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis que profundan en diversos aspectos da súa figura.
Ademais da comisaria, interviñeron no acto inaugural que tivo lugar este venres 12, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e Juan Andrés Bayón da Fundación Alfredo Brañas. Pilar Murias puxo en valor os fondos da USC que integran a mostra e destacou que este tipo de actividades permiten “manter vivas as nosas bibliotecas e o noso arquivo”. Pola súa parte, Juan Andrés Bayón reivindicou que Alfredo Brañas “puxo en valor a Galicia no contexto nacional”.
A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI, detense nos seus principais fitos biográficos, aborda a decadencia das estruturas do antigo réxime, a revolución xurídica e o cambio económico e demográfico, o papel do intelectual no Rexurdimento, o seu rol no seo da USC, a proposta rexionalista de Brañas, e profunda en como o autor concibe o futuro de Galicia, alén de abordar temáticas como o feminismo, a familia, a industrialización, ou a cuestión da terra dende distintas perspectivas.
A mostra enmárcase no Outono Cultural da USC e conta co apoio da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a Fundación Alfredo Brañas, a Fundación Castelao, e está dotada con fondos da Biblioteca Universitaria e o Arquivo Histórico Universitario da USC.








