Arrinca na Alameda a exposición itinerante do proxecto “Entre Sar e Sarela”
O Concello divulga as actuacións de renaturalización e reparte árbores entre a veciñanza nunha campaña que percorrerá tamén Pontepedriña e o parque de Galeras

O Concello puxo en marcha este mércores na Alameda compostelá unha exposición itinerante e informativa sobre as actuacións do proxecto de renaturalización, de mellora da biodiversidade e de consolidación da infraestructura verde en Santiago, “Entre Sar e Sarela”, e acompañou o acto co reparto de paquetes de árbores para plantar entre a veciñanza.
Esta exposición manterase na Alameda compostelá ata o vindeiro venres 19 de decembro, logo trasladarase ao barrio de Pontepedriña onde estará ata o martes 23 de decembro e rematará o seu periplo no parque de Galeras a final de ano.
O Concello seleccionou estes tres lugares para a exposición itinerante xa que son parques por onde transita gran parte da cidadanía e son contiguos aos ríos Sar e Sarela, ríos que son obxecto dos traballos de renaturalización e de mellora da biodiversidade do proxecto “Entre Sar e Sarela” e, ademais, o barrio de Pontepedriña é obxecto de obras de consolidación da infraestrutura verde dentro deste mesmo proxecto.
O concelleiro de Sustentabilidade, Xesús Domínguez, aproveitou a inauguración desta exposición itinerante para colaborar no reparto de árbores entre a veciñanza (carballos, castiñeiros, albedros e freixos), acto que forma parte da campaña como unha forma máis de acción social do proxecto.
A exposición confórmana seis grandes cubos, nos cales se poden ver mapas, gráficas e información específica de todo o proxecto “Entre Sar e Sarela” así como datos de cada unha das cinco actuacións que a integran.
Estas cinco actuacións son a renaturalización do quinteiro e a creación dun corredor ecolóxico urbano no barrio de Pontepedriña; a naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia, a restauración fluvial do río Corgo e a mellora ecolóxica das áreas verdes contiguas; a restauración ambiental e a creación do Laboratorio Vivo Urbano Agroecolóxico no Xardín Botánico; a recualificación e recuperación ambiental da área verde do Barrio de Cornes; e, por último, a restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no Monte Periurbano Viso.










