O IES Antonio Fraguas presenta unha campaña para impulsar o uso do galego no comercio das Fontiñas
O alumnado de 1º de Bacharelato lidera un proxecto de aprendizaxe-servizo que busca incrementar a presenza da lingua nos establecementos do barrio

O IES Antonio Fraguas celebra o vindeiro martes 16 de decembro ás 17.30 horas, en Área Central, o acto público de presentación da súa nova campaña de fomento do galego no comercio local do barrio das Fontiñas, unha iniciativa desenvolvida polo alumnado de 1º de Bacharelato no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo. O centro destaca que o obxectivo da proposta é visibilizar o galego como lingua plenamente válida para a vida cotiá, tamén no ámbito comercial, e fortalecer a súa presenza nos negocios da contorna.
Durante a cita, na que participará a alcaldesa de Santiago, o público poderá escoitar intervencións musicais e poéticas a cargo de estudantes e profesorado, nun formato que busca combinar divulgación lingüística e dinamización cultural. A dirección do instituto subliña que a campaña nace co convencemento de que o galego é unha lingua “normal e útil para todas as interaccións sociais”, e que o comercio é un espazo clave para avanzar na súa normalización.
Un proceso iniciado dende a análise sociolingüística do barrio
A iniciativa forma parte dun proxecto máis amplo, Fontiñas fala galego, que naceu tras unha diagnose realizada polo propio alumnado sobre o uso da lingua no barrio e nos comercios de Área Central. O informe recolle que o galego está presente no 57 % dos locais, principalmente na atención oral, mentres que a presenza escrita continúa a ser minoritaria. Ademais, o 59 % dos establecementos visitados amosouse disposto a participar na campaña, segundo os datos incluídos no documento do proxecto educativo desenvolvido polo centro.
Ese traballo previo levou ao deseño de materiais gráficos, accións de difusión e contactos directos cos comerciantes, co obxectivo de crear unha rede de establecementos galegofalantes e contribuír ao prestixio social da lingua no barrio das Fontiñas. A proposta aspira tamén a reforzar os vínculos entre o instituto e a comunidade, implicando a veciñanza nun proceso colectivo de visibilización do galego.
O acto do día 16 servirá como presentación pública da campaña e como punto de partida para a súa implementación definitiva nos comercios colaboradores, que xa superan a trintena.










